A reparación do adoquinado na rúa Juan Francisco Fontán impedirá o acceso por uns días
A empresa Ordescon retomou onte as labores de acondicionamento das rúas peonís do entorno do Rey Daviña. Con motivo da actuación a efectuar en Francisco Fontán, o acceso por esta rúa ao garaxe de Rey Daviña péchase durante uns días. Como alternativa, os vehículos deberán entrar dende a Avenida da Mariña por Castor Sánchez e xirar por Méndez Núñez para acceder ao tramo de Francisco Fontán que desemboca no garaxe situado á beira do Mesón O Nogal.
Os arranxos do adoquinado das zonas peonís de Rey Daviña e as rúas adxacentes retómanse con certo retraso por parte da empresa Ordescón, despois do acordado paro para que os traballos non interferisen coa celebración das festas de San Roque. Unha vez aquí, os operarios da adxudicataria deberán rematar as actuacións iniciadas no mes de xuño e que se centraron en Rey Daviña, Praza da Constitución e parte de Méndez Núñez.
Onte mesmo reiniciaron os traballos polo tramo de Juan Francisco Fontán comprendido entre A Avenida da Mariña e Méndez Núñez. Esta é unha das zonas máis deterioradas dende a peonalización, posto que o paso de vehículos que xiran á altura da farmacia para acceder ao garaxe de Rey Daviña provocaba o desprazamento dos adoquíns e o levantamento dos mesmos. Para evitar esta degradación, Ordescón levantará o adoquinado e botará unha capa de cemento sobre a que posteriormente se fixarán lousas de pedra. Para garantir a perfecta subxección, é preciso esperar uns días á que seque e consolide o formigón. Este tipo de actuación tamén se fixo na Praza da Constitución, onde o solo tamén estaba deteriorado debido ao acceso de vehículos.
O resto das medidas a adoptar serán o arranxo puntual das zonas onde se detecten adoquíns levantados e a recubrir de area as zonas para garantir que se enchen ben as xuntas e cimenten axeitadamente.











