A rehabilitación da Fábrica de Tabacos será adxudicada no mes de novembro
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín compareceu hoxe no Parlamento onde destacou que a adxudicación da obra de rehabilitación da Fábrica de Tabacos terá lugar, cumprindo cos prazos marcados, no vindeiro mes de novembro.
Juan José Martín, explicou na Cámara galega que nestes momentos está en fase de valoración a oferta técnica, e que unha vez efectuado o informe procederase a apertura da oferta económica, o que dará lugar a que a obra estea adxudicada no mes de novembro.
Segundo resaltou o director xeral de Xustiza, a infraestrutura está plenamente en marcha e cumprindo cos prazos inicialmente marcados, tal e como o amosa o feito de que onte mesmo fose publicado no Diario Oficial de Galicia a dirección de obra e a dirección de execución de obra.
Martín destacou a importancia desta obra que cubre as necesidades de espazo xudicial actual e futuro na cidade da Coruña, xa que agora tanto os xulgados do mercantil, como os do contencioso administrativo, así como tamén a Subdirección do IMELGA, atópanse fóra do edificio xudicial.
Nesta obra a Xunta investirá 20 millóns de euros, o investimento máis alto feito nunca nunha actuación xudicial en Galicia. O obxectivo do goberno galego é que en 2016 o edificio estea a pleno rendemento, xa que se trata dunha actuación fundamental para os coruñeses, que recupera para a cidade un edificio emblemático que se estaba quedando en ruínas, e incrementa nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais na cidade da Coruña.
Unha vez finalice a rehabilitación integral do edificio, albergará a sede da Audiencia Provincial, o Xulgado de Menores, o Xulgado de Vixilancia Penitenciaría e a sede da Fiscalía, así como os servizos e locais comúns a todos os usuarios, nun espazo de máis de 15.000 metros cadrados, repartidos en catro plantas.











