A reforma da praza de abastos de Baiona suporá unha inversión de 120.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocalLocal PortadaPontevedraProvincias
A-
A+
Bravo Bosch na visita a praza de abastos de Baiona

Bravo Bosch na visita a praza de abastos de Baiona

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá un percorrido pola praza de abastos municipal de Baiona para coñecer as instalacións e dar conta da reforma integral que vai a acometer o goberno local grazas á axuda que ven de recibir da Consellería de Economía e Industria.

Ao abeiro do programa de axudas aos concellos galegos para a mellora competitiva do comercio de proximidade que convocou a Dirección Xeral de Comercio, o Concello de Baiona foi un dos beneficiarios deste tipo subvencións recibindo así un total de 120.000 euros. Segundo explicou a delegada da Xunta, o mercado de Baiona “cumpre cunha función esencial ao constituír un espazo de centralidade comercial, polo que necesita unha reparación e modernización tanto da estrutura física como das instalacións de uso comunitario”.

O proxecto pretende abrir a fachada á rúa e reorganizar os postos do mercado. Mellorarase a accesibilidade, renovarase a fontanería e a electricidade, os pavimentos, falsos teitos, alicatados e aseos. “A fisonomía da praza vai cambiar totalmente”, dixo Bravo Bosch, quen engadiu que se trata dun proxecto “moderno e funcional”. De feito, tras a reforma, o mercado configurarase cos postos de froitas e verduras no centro e as carnicerías e peixerías nos laterais. Están previstos así cinco postos de peixería, catro de carnicería e dous restaurantes na liña de entrada. “A Xunta aposta por promover un mercado aberto, participativo e dinámico, máis próximo aos veciños e veciñas”, considerou.

A representante da Administración autonómica en Vigo e a súa área lembrou que o Concello de Baiona xa recibira un investimento de 125.000 euros na anterior convocatoria de axudas para mellorar tamén dita praza de abastos e, deste xeito, sinalou que se trata dunha importante iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Comercio coa finalidade de impulsar a renovación e a mellora das rúas e zonas comerciais e a potenciación dos mercados e prazas de abastos, sempre co obxectivo de promover a súa excelencia e posicionalos como líderes na venda de produto fresco e perecedoiro.

O programa de axudas aos concellos galegos enmárcase na estratexia da Xunta de impulso ao comercio “como elemento vertebrador das vilas e cidades galegas e sector de relevancia para a reactivación económica”, sinalou Bravo Bosch. Contou cun orzamento global de 4,5 millóns de euros e a finalidade deste tipo de axudas céntrase na adecuación e modernización das rúas e zonas comerciais ou a potenciación das prazas de abastos. Dentro desta estratexia de apoio ao comercio, a Consellería de Economía e Industria leva convocado ao longo deste ano axudas por un total de 8 millóns de euros para mellorar a competitividade do comercio de proximidade.

24 de setembro de 2013 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.