A rede de saneamento do Barrio do Lombo en Cuñas marchan según o previsto

Perfecto Rodríguez, supervisou o inicio das obras
O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, supervisou o inicio das obras de saneamento do barrio do Lombo, no lugar de Cuñas, cuxo investimento roldará os 30.000 euros e que están incluídas no Plan de Investimentos da Deputación (PID).
A obra pretende ampliar a rede de colectores do lugar de Cuñas á zona do Lombo para dar servizo a unhas 20 vivendas para o cal se instalarán preto de 300 metros lineais de canalización cos correspondentes pozos de rexistro para conectar este barrio á rede de saneamento xa existente na zona cuxas augas fecais son depuradas na EDAR de Cuñas construída o pasado ano.
Os técnicos informaron o alcalde Perfecto Rodríguez dos pormenores das obras e de como tiñan previsto acometer a colocación dos 300 metros lineais de canalización ocasionando o menor trastorno posible para os veciños do Lombo.
No ano 2010 realizárase xa unha primeira fase do saneamento en Cuñas, na que se investiron uns 150.000 euros, na que se instalou unha rede de colectores na travesía da estrada PO-532, aproveitando as obras de mellora da seguridade vial que fixo a Xunta de Galicia na zona coa construción dunha senda peonil.
Posteriormente, no ano 2011, o Concello de Ponte Caldelas investiu outros 160.000 euros no saneamento deste lugar, divididos en dúas actuacións: a construción da EDAR e a instalación da rede que comunicou o colector principal da estrada co barrio de Aldea de Abaixo e coa zona na que se situou a depuradora, conseguindo así poñer xa en funcionamento este servizo en parte do núcleo de Cuñas.
Agora en próximos anos o obxectivo é ir estendendo a rede de colectores no barrio de Avecil, para poder completar o saneamento de todo o núcleo de Cuñas.
A enorme dispersión de poboación existente en Cuñas, e en todo o municipio de Ponte Caldelas, encarece de xeito notable a implantación da rede de saneamento, polo que o Concello pretende seguir estendendo a rede de sumidoiros recorrendo a diversas anualidades e sucesivas fases dada a imposibilidade de afrontar dunha soa vez este inxente proxecto e consecuente gasto económico para as arcas municipais nos tempos de especial dificultade nos que nos encontramos.
A preocupación do Alcalde de Ponte Caldelas é ir dotando paulatinamente, e a medida que sexa posible, do servizo de rede de sumidoiros ao maior número posible de núcleos do rural ao tempo que se instalan depuradoras co fin de tratar as augas fecais para que afecten o menos posible ao medio, unha das principais prioridades para o rexedor caldelense.











