A recolecta de alimentos realizada nas piscinas municipais de Teo acadou 40 quilos de produtos non perecedeiros
O edil de Benestar, Ignacio Iglesias, destaca a boa resposta cidadá na recollida de alimentos feita a semana pasada nas piscinas municipais para entregar ó Banco Veciñal de Alimentos. Nesta recollida extraordinaria xuntáronse ó redor de 40 quilos de produtos non perecedeiros, o que permitirá cubrir as necesidades do banco sobre todo de alimentos nos que estaban escasos como leite ou conservas.
Esta foi a primeira vez que se fixo unha colaboración entre as piscinas municipais e o Departamento de Servizos Sociais municipal, unha iniciativa que sigue o exemplo da colaboración que xa existe coa concellaría de Cultura. Nos últimos meses dende Cultura pídese ós asistentes ás actividades programadas que se colabore co Banco Veciñal de Alimentos.
Dende Benestar quérese destacar que as persoas que queiran facer algunha entrega ó Banco poden achegarse ás oficinas dos Servizos Sociais municipias, no CSC da Ramallosa, en horario de mañá ou solicitar información no teléfono 981 809 707.
O Banco Veciñal de Alimentos de Teo (BVA) funciona dende hai menos dun ano grazas a colaboración desinteresada de quince voluntarios/a e de varias empresas locais. Neste momento atende a dez familias de xeito estable.
Dende o Concello tamén se quere agradecer a boa disposición amosada pola empresa xestora das piscinas municipais así como a colaboración doutros departamentos municipais coma Protección Civil que realizan labores de traslado, etc.











