A programación turística de verán en Ferrol contou con 23.800 participantes
A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, presentou esta mañá o balance da Campaña Turística de Verán 2013, que levou por lenda “Ferrol, a capital do mar”. Un total de 9.587 visitantes foron rexistrados pola oficina municipal de turismo entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, o que “tendo en conta que dita oficina no mes de xuño só abre os sábados e domingos, a presenza de turistas este verán foi en realidade maior”, explicou a edil ferrolá.
No que atinxe á procedencia das persoas que solicitaron información neste punto de atención turística situado nas inmediacións da dársena de Curuxeiras, o turismo nacional supuxo o 83,37% mentres que o internacional o 16,63%. Máis polo miúdo, no ámbito rexional, os turistas que máis visitaron a cidade naval procederon de Madrid (2.085), seguido por Galicia (837, destacando as provincias de A Coruña e Pontevedra), Andalucía (796), Castela-León (785), Cataluña (700), Comunidade Valenciana (626), País Vasco (449) e Aragón (434). Así, entre os visitantes internacionais os que tiveron máis presenza en Ferrol foron, por este orde, Francia (317 persoas), Italia (221), Portugal (193), Alemaña (134), UK (121) e Suiza (60); mentres que fora do continente europeo, os turistas proceden principalmente de Estados Unidos, Arxentina e Uruguay. A idade predominante dos foráneos está comprendida entre os 31 e os 61 anos -o 66% dos casos-, cunha relación proporcional entre homes e mulleres. Outro dato destacado é que os turistas visitan a cidade naval con máis afluencia fora dos meses fortes de verán, polo que en xuño supuxeron o 19%, en setembro o 14,34%, mentres que en xullo o 10,90/ e en agosto só o 7,82%. Así, o principal motivo que atrae aos visitantes a Ferrol é coñecer as Rías Altas galegas e por orde de importancia valoran: o patrimonio, a natureza, a gastronomía e os eventos.
Ruta do Naval e visitas guiadas
Por outra banda, a programación ofertada pola Concellería de Turismo obtivo un incremento notable con respecto ao pasado ano, segundo dixo a concelleira, chegando a sumar a cifra de 23.817 persoas de participantes nas actividades ofertadas polo Concello de Ferrol Ao fío das visitas guiadas da Ruta da Construción Naval foron realizadas por 1.898 persoas, o que supuxo 172 visitantes máis que no ano 2012. Máis concretamente, foron 725 as persoas que visitaron o Arsenal, 584 Navantia, 520 tomaron parte nos catro días de agosto que tiveron lugar as visitas teatralizadas no castelo de San Felipe e 69 realizaron a visita guiada a San Felipe.
A estas cifras, hai que engadir os 2.882 visitantes a Exponav nos meses de xullo e agosto e os 3.383 que visitaron o Museo naval entre xuño e agosto, superando os 2.952 do pasado verán. Tamén tivo un gran éxito de afluencia o castelo de San Felipe, sendo un total de 12.400 as persoas que percorreron este fortín dende o 15 de xuño ao 15 de setembro, sen ter en conta as visitas guiadas e teatralizadas.
Por último, os datos dos usuarios dos paseos en barco foron tamén un éxito, xa que 2.930 persoas realizaron o percorrido en barco pola Ría de Ferrol e 324 foron ao castelo de San Felipe en barco durante o verán, fronte aos 255 da pasada época estival.











