A programación cultural e deportiva de Ames para o outono oferta 40 actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

Durante o último trimestre do ano, o Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades deseñado para ofertar unha gran variedade de alternativas de ocio para todo tipo de públicos. A programación cultural e deportiva Outono 2013 incluirá 40 actividades e centrará a súa atención na celebración da VIII Mostra de Teatro Afeccionado, o XI Festival de Maxia, a VIII Gala do Deporte, a celebración do Magosto, a XIV Carreira Pedestre Concello de Ames, ou a programación do Nadal. Ademais, ofértase unha ampla programación de actuacións musicais, representacións teatrais e obradoiros, entre outras iniciativas.

O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural e deportiva para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividades nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasións varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes, que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina, e os obradoiros que se desenvolven na Aula da Natureza.

Seguindo esta liña de traballo o Concello acaba de presentar a programación do “Outono 2013”, que se desenvolverá durante os tres próximos meses e onde destaca a oitava edición da Mostra de Teatro Afeccionado, que contempla catro representacións. Esta mostra comezará o venres 4 de outubro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, coa representación por parte do grupo Andaravía Teatro, pertencente a Asociación Papaventos, da obra A República de Gundián.

O venres, 11 de outubro, será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira. A partir das 21:00 horas, interpretarán na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Nun tren. A mostra de teatro continuará o venres 18 de outubro no Milladoiro. O grupo Aquelando Teatro de Muros porá en escena a obra Integral, de Roberto Vidal Bolaño. A función terá lugar ás 21:00 horas. A mostra de teatro afeccionado pecharase o venres 25 de outubro coa representación da peza teatral Véndese interpretada polo Grupo municipal de teatro de Ames. Esta representación terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 21:00 horas.

Programación teatral

A oferta de teatro en Ames inclúe varios espectáculos dirixidos aos rapaces e rapazas. O venres 11 de outubro a compañía Eme2e Teatro Gorakada representarán a peza O príncipe e o parrulo na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta función será ás 18:30 e está dirixida a público familiar (nenos e nenas a partir dos tres anos). A semana seguinte, o venres 18, a compañía Producións dispersas representará a obra de teatro infantil, Na procura da canción perdida. Esta obra terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:30 horas.

Para o mes de novembro están programadas tres pezas teatrais. A primeira cita co teatro será o venres 8, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A compañía Teatro Galileo representará Desfeitos. Por outra banda, o venres 15 volve o teatro infantil da man da compañía Tanxarina, que representará Titiricircus na Casa da Cultura Bertamiráns. Nesta ocasión haberá dúas sesións. A primeira será ás 12:30 h e estará dirixida ao alumnado dos centros escolares de Ames, mentres que a segunda, que está prevista para as 18:30 horas, está aberta ao público familiar. A última cita teatral de novembro terá lugar o venres 29. Nesta ocasión a compañía Teatro do Atlántico porá en escena a peza A Charca inútil. A función será ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.

No mes de decembro tamén haberá tres representacións teatrais. A primeira terá lugar o día 13, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A compañía Ilmaquinario Teatro representará a peza O home almofada. Esta representación estará dirixida ao público adulto e xuvenil, pero tamén haberá unha sesión escolar ás 11:00 horas. En decembro tamén haberá teatro infantil da man da compañía Kukas Producións Artísticas SL que porá en escena a obra, Xan Perillán, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esa mesma semana, o xoves 26, haberá máis teatro infantil a cargo da compañía Elefante Elegante, que representará a obra Nuncabunga. Esta función terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 17:00 horas.

Obradoiros na Aula da Natureza

A Aula da Natureza tamén vai desenvolver varias actividades e obradoiros durante o vindeiro trimestre. O primeiro obradoiro programado está previsto para os sábados 19 e 26 de outubro, en horario de 11:30 a 13:30 horas. Trátase dunha actividade denominada Mapas do ceo con chocolate, que está dirixida aos nenos/as de 6 a 14 anos. Para o mes de novembro está previsto outro obradoiro, neste caso sobre a decoración natural de candeas. Este obradoiro desenvolverase o sábado 9 de novembro, tamén en horario de 11:30 a 13:30 horas, e está dirixido a nenos e nenas que teñan de 10 anos en diante.

A programación de actividades da Aula da Natureza continúa os sábados 23 e 30 de novembro co obradoiro Merca con seguridade. Esta actividade está dirixida ao público adulto e desenvolverase en horario de mañá, de 11:30 h a 13:30 horas. Para o mes de decembro está previsto un obradoiro relacionado co Nadal. Esta actividade, que está dirixida aos nenos/as de 6 a 14 anos, denomínase Nadal de reciclaxe: confección dun belén. Impartirase o sábado 14 de decembro, en horario de 11:30 a 13:30 horas.

Actuacións musicais

A programación musical comezará o venres 4 de outubro, ás 18:30 horas, cun espectáculo de música e maxia en directo denominado Martín Camiña: corcheas, semifusas e ilusións. Esta actuación terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns e está dirixida a un público familiar.

A música continuará o sábado 12 de outubro, ás 18:30 horas, co Encontro dos Axóuxeres 2013 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta é unha actividade organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística, na que se oferta unha hora de música e palabras, co obxectivo de promover a transmisión interxeracional da lingua galega. Tamén se pretende recuperar a tradición de contar contos na nosa lingua e cantarlle en galego aos máis pequenos.

Durante o mes de novembro haberá tres actividades musicais. A primeira será o sábado 2 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun concerto que ofrecerá a banda de música da Asociación musical e cultural Solfa. Ademais, para o venres 22 de novembro está previsto un concerto de música folk tradicional a cargo de Suso Vaamonde e Xoán Porto que porán en escena na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas, o espectáculo Cantata Vernácula. O día seguinte, o 23 de outubro ás 19:00 horas, celebrarase o concerto de corais na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste encontro de corais actuarán a Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido e a Coral Abraira de Rianxo.

Programación deportiva, de Nadal e Magosto

As actividades programadas para este outono inclúen un apartado dedicado aos deportes, coa celebración da XIV Carreira Pedestre Concello de Ames ou da VIII Gala do Deporte. Ademais, como todos os anos ofertaranse un conxunto de actividades específicas destinadas a celebrar o Magosto e unha completa programación de Nadal, na que se inclúe a décimo primeira edición do Festival de Maxia.

24 de setembro de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.