A primeira semana do concurso de escaparatismo xa contabilizou medio centenar de participantes
Un total de 50 establecementos -case a metade de mozos emprendedores que abriron recentemente o seu negocio- apuntáronse, na primeira semana do prazo de inscrición, no concurso de escaparatismo de outono organizado pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid para promover a imaxe do comercio local.
O concurso, cuxo prazo para inscribirse finaliza o 15 de setembro, premiará a orixinalidade e imaxinación dos establecementos, que poderán facer escaparates de temática libre, aínda que o verde deberá dominar na decoración para dar unidade ao certame, independentemente do tipo de establecemento ou dos produtos que venda o comerciante.
O concurso, baixo o lema Despierta, muevete Participa, repartirá numerosos premios en metálico. Un xurado técnico valorará a estética, a orixinalidade, a eficacia comercial e a imaxe en conxunto e con estes criterios seleccionará cinco finalistas. O gañador será elixido por votación popular nas redes sociais e recibirá 2.000 euros mentres que a asociación comercial á que pertence, 500 euros. Cada finalista, pola súa banda, obterá un galardón de 1.000 euros (500 a súa asociación) e sortearanse vales de compra de 100 euros cada un entre os que participasen na votación popular.
Os comercios que desexen participar aínda teñen tempo ata o 15 de setembro inclusive e poden facelo na páxina web www.participacoruna.com. Os primeiros 80 establecementos recibirán asesoramento profesional gratuíto en escaparatismo e interiorismo comercial. Os prazos do concurso son os seguintes:
– Ata o 15 de setembro: prazo de inscrición.
– Do 15 ao 20: o xurado seleccionará cinco finalistas.
– Do 20 ao 27: prazo da votación popular.
– Do 27 ao 30: entrega de premios.
Moitos dos comercios participantes xa recibiron a visita dun escaparatista profesional que os asesorou e axudaron a resolver dúbidas tanto da montaxe do escaparate coma do interiorismo do seu comercio e da imaxe (rótulo, bolsas…).











