A praia fluvial do Lérez rexistrou unha media de 600 persoas nas tardes de xullo e agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A praia fluvial do Lérez batiu recórds de asistencia nos meses de xullo e agosto, segundo os recontos realizados a pé de praia por parte dos socorristas que durante estes meses velaron pola seguranza no areal.

O balance trasladado pola empresa encargada da seguridade á Concellaría de Medio Ambiente Natural, que xestiona Anxos Riveiro, amosan unha afluencia media de 550-600 persoas nas tardes dos meses de xullo e agosto, chegando a rexistar picos de até 710 bañistas contabilizados nas tardes da segunda quincena de agosto. Son os mellores rexistros de asistencia á praia fluvial dende a súa creación.

Aínda que tardou en chegar, o excelente verán do que gozou as Rías Baixas permitiu que os arenais de Pontevedra, tanto o do Lérez como o do río Verduxo, estivesen cheos de bañistas, especialmente ateigados na franxa horaria de catro e media a nove da noite.

As praias fluviais do concello xa forman parte da vida cotiá dos pontevedreses nas mañás e tardes do verán -tamén doutras estacións, aínda que para facer deporte ou recreo-, como punto de encontro e lecer dos veciños. Este uso masivo que están a ter os areais, é unha satisfacción para a concelleira Anxos Riveiro que xa estuda melloras e traballos de mantemento de cara á vindeira tempada.

Na xornada de hoxe remata o servizo de socorrismo na praia fluvial do Lérez, tal e como estaba previsto. Como vén sendo habitual, este servizo contratado polo Concello ponse en marcha no mes de xuño e remata en setembro (xeralmente trata de coincidir co remate e inicio do curso escolar).

A Concellaría é consciente de que nos próximos días aínda poderase empregar o arenal por parte dalgúns bañistas, polo que recomenda que se estremen as precaucións dos usuarios.

De todos os xeitos, durante estes tres meses de presenza dos socorristas na praia fluvial do Lérez o número de incidencias non foi relevante
con pequenos cortes ou feridas, picaduras dalgún insecto, calambres… As actuacións máis graves foi a asistencia a dúas persoas por golpes de calor que requeriron ser trasladados en ambulancia a un centro sanitario.

8 de setembro de 2013 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.