A Policía Local participa nunha campaña da DXT para o uso do cinto de seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participa nunha nova campaña especial sobre o cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil (SRI) organizada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Esta iniciativa realizarase na cidade durante a próxima semana, dende o luns, 9 de setembro, ata o domingo, día 15.

O Concello da Coruña, que mantén unha estreita colaboración coa DXT, participa nesta nova campaña que afianza o compromiso do Goberno municipal de apostar por unha mellor coordinación co resto de administracións para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade.

A Policía Local destaca que o uso de mecanismos de retención homologados é o sistema de seguridade vial máis sinxelo, rendible e eficaz en todo tipo de vías e traxectos. A pesar de que en 2012 se reduciron nun 13% tanto os sancionados por non facer uso do cinto de seguridade / RSI coma os puntos detraídos por esta causa, é necesario insistir no seu uso, xa que esta medida reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. De feito, un neno sen a suxeición axeitada multiplica por cinco a posibilidade de sufrir lesións mortais ou graves.

O Concello da Coruña subliña a importancia de colaborar coa DXT, pois a circulación na cidade é o primeiro dos escenarios onde o condutor inicia a adquisición de hábitos e costumes e onde o incumprimento da lei sobre cintos de seguridade é maior que en estradas interurbanas. Ademais, o número de falecidos de turismos en zona urbana representa aproximadamente o dobre que os falecidos polos mesmos motivos en estrada.

A área de Mobilidade e Seguridade Ciudadana informará dos resultados obtidos durante os controis á Dirección Xeral de Tráfico, que á súa vez remitirá ao Concello os informes e as conclusións finais da campaña.

A Policía Local colabora coa DXT nas campañas que teñen como obxectivo mellorar a seguridade en estrada. Así, acaba de participar nunha campaña sobre o control da velocidade e, o pasado mes de marzo, prestou a súa colaboración nunha iniciativa de similares características á que se realizará a próxima semana. Na campaña desenvolvida en marzo, de 1.144 persoas, o 98,78% levaba posto o cinto de seguridade, con especial relevancia no caso dos nenos, pois todos os menores de 12 anos contaban cos sistemas de retención homologados.

7 de setembro de 2013 | 15:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.