A Policía Local de Vilagarcía buscarán posibles solucións á conflitividade social no contorno do Spad e nas galerías Gallego
O alcalde, Tomás Fole, presidiu esta mañá a reunión da Comisión de Coordinación Policial para abordar a problemática social xurdida na contorna do SPAD, nas galerías Gallego e nalgúns estacionamentos públicos nos que actúan os “gorrillas” e que teñen provocado malestar e queixas da cidadanía. A comisión, na que participaron representantes da Policía Local e Nacional, así como os concelleiros de Seguridade Cidadán, Benito Pérez Dorgambide, e a de Sanidade, Ángeles Rodríguez; acordou consultar as medidas adoptadas en municipios veciños para resolver problemáticas similares e tamén estudar a viabilidade legal de que ONGs se encarguen da xestión dos aparcamentos públicos.
Os representantes de ámbolos dous corpos policiais coincidiron na complexidade legal que reviste calquera tipo de actuación policial nos casos nos que non se comete acción delitiva nin existe denuncia de por medio. Isto é o que acontece no caso da reunión dos usuarios do SPAD na rúa ou de indixentes sentados ou durmindo nas galerías como o do SPAD ou as galerías Gallego. Neste último caso existe, a maiores, a problemática engadida de que pese a ser de uso público, son unhas galerías privadas.
Ámbolos dous corpos policiais intensificarán as patrullas por estas dúas zonas a efectos de controlar que se mantén o orde e non se molesta aos cidadáns e peóns, e actuar conforme a lei sempre que se detecte a comisión de delito ou de infraccións susceptibles de actuación policial. Non obstante, este tipo de control policial disuasorio non se considera efectivo a longo prazo se non se toman outras medidas xa que, por experiencias noutros lugares, non consegue resolver o problema, senón trasladalo a outro lugar.
Non obstante, dada a dificultade legal de marcar a liña que separa o respecto dos dereitos e liberdades dos veciño e comerciantes dos dereitos e liberdades dos usuarios do SPAD e indixentes a para estar en lugares públicos, a Comisión acordou consultar con municipios veciños nos que se teñen rexistrado problemáticas similares, as medidas que se adoptaron e os resultados obtidos para poñer fin a esta conflitividade social. Contactarase con cidades que dispoñan de Servizo de Atención a Drogodependentes para coñecer as súas experiencias, ademais de estudar coa dirección do SPAD de Vilagarcía outro tipo de alternativas como a posibilidade de modificar o horario de servizo para evitar a coincidencia de moitos usuarios no mesmo tramo horario.
En canto a galerías comerciais de titularidade privada, expuxéronse solucións aplicadas noutros concellos nos que a comunidade de propietarios optou por poñer vixilancia privada ou , como no caso de Pontevedra onde as galerías péchanse ao público pola noite deixando unha entrada privada para os portais dos edificio.
Unha vez recabada a información noutras localidades, a Comisión estudará as posibles medidas a poñer en práctica en Vilagarcía.
No caso dos aparcamentos nos que a actuación dalgúns “gorrillas” provocou queixas dos usuarios, a idea de que estes sexan xestionados por ONGs locais a efectos de que poidan recadar fondos, a Comisión advertiu a complexidade legal da medida xa que a actividade tería que estar regulamentada. Neste punto acordouse realizar un estudo xurídico para coñecer os requisitos legais que as entidades terían que cumprir e o sistema de organización da prestación do servizo. Unha vez determinados estes aspectos, exporánselles ás ONGs para saber si estarían interesados nesta proposta.
Valoración do alcalde
O alcalde, Tomás Fole, valorou a reunión da Comisión de Coordianción Policial, como moi interesante e positiva en canto a que se aclararon moitos aspectos legais que hai que ter en conta antes de poñer en marcha medidas que poderían parecer lóxicas e sinxelas, pero que, a priori, contan con limitacións e carecerían de cobertura legal. “Temos que traballar ben todas as alternativas, e garantir a súa viabilidade xurídica para non cometer erros e para que, unha vez adoptadas, dean os resultados desexados, que non son outros que garantir a convivencia e a seguridade dos vilagarciáns, algo que preocupa moito tanto a este goberno como aos corpos policiais, e no que todos estamos a traballar para tratar de aplicar solucións eficaces coa maior celeridade”.











