A Policía Local de Ames efectuou 800 controis para comprobar o uso do cinto de seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que se levou a cabo entre os días 9 e 15 de setembro. A Policía Local de Ames realizou un total de 853 controis en turismos e vehículos de mercancías tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, para comprobar se os condutores e acompañantes empregaban correctamente o cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil, no caso de ir acompañados por nenos/as.

No marco destes controis, os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre a necesidade de empregar estes sistemas de seguridade, que reducen de xeito considerable o risco de morte en caso de accidente de tráfico. En total, rexistráronse 20 infraccións por non empregar o cinto de seguridade ou os sistemas de retención infantil. Estas cifras reflicten que un 92% dos condutores dos vehículos controlados facían uso do cinto e dos sistemas de retención infantil.

Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico. O obxectivo destes controis é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, o emprego do uso do cinto de seguridade reduce á metade o risco de morte en caso de accidente, mentres que os sistemas de retención infantil evitan nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais. Na actualidade, os datos mostran que as lesións por accidente de tráfico seguen sendo a primeira causa de morte nos nenos maiores de 4 anos.

Outras actuacións

Nas últimas xornadas, a Policía Local de Ames levou a cabo tres actuacións relacionadas con condutores que circulaban baixo a influencia de bebidas alcohólicas. A última destas actuacións rexistrouse o pasado xoves, 12 de setembro, no Milladoiro e nela imputóuselle un delito contra a seguridade viaria a un condutor que, tras realizarlle a proba de alcoholemia, arroxou un resultado de 0,85 mg/l.

Tres xornadas antes, a Policía Local interceptou a un vehículo que circulaba en zig zag por Bertamiráns. Unha vez realizada a proba de alcoholemia ao condutor, o resultado foi de 0,84 mg/l. Tamén en Bertamiráns, outro condutor foi detido tras ser detectado circulando en sentido contrario e baixo os efectos do alcohol.

18 de setembro de 2013 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.