A pintora Tere Fidalgo amosa a súa obra en Vigo
A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle desde o vindeiro luns e durante un mes, ata o 16 de outubro, a exposición da pintora Tere Fidalgo. A mostra é unha recompilación dos seus últimos traballos pictóricos, un total de 20 cadros que amosan unha temática variada e están realizados en óleo, pastel e carbón.
A exposición estará situada na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego e poderá visitarse dende o luns 16 de setembro e ata o 16 de outubro no horario de apertura do rexistro, de luns a venres de 9,00 a 19,00 horas e os sábados, de 9,00 a 14,00 horas.
Esta mostra súmase ás múltiples exposicións de artistas e colectivos culturais que xa se realizaron na planta baixa do edificio –unha das últimas foi a do artista plástico Justo Ilhuicamina- así como aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou á organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras, sempre co obxectivo de abrir a Delegación da Xunta á participación cidadá. O edificio administrativo da Xunta en Vigo ábrese así á participación de artistas e colectivos culturais ofrecendo o seu espazo expositivo a todos aqueles que estean interesados en amosar as súas obras.
A pintora Tere Fidalgo
Natural de A Cañiza e veciña de Vigo, Tere Fidalgo (1963), licenciada en Dereito, amosou dende idade moi temperá as súas inquietudes polo debuxo -as súas primeiras participacións artísticas tiveron lugar durante a etapa escolar- pero foi no ano 2006 cando tomou contacto co mundo do arte ao acudir a clases e descubrir o mundo da cor e das técnicas de pintura.
No ano 2009, participou no XVII Certame de Pintura e Escultura do Morrazo, onde repetiu nos dous anos seguintes. No 2010, participou en Madrid no V Certame de Pintura da Mutualidade Xeral Xudicial. Xa no 2012 realiza a súa primeira exposición individual na Casa da Xuventude de Vigo e tamén forma parte dunha exposición colectiva cos alumnos e alumnas de “Pincel Verde” en Detrás do Marco ademais de levar tamén a súa mostra individual ata o Concello da Cañiza. Neste ano 2013, volveu repetir en Madrid no VI Certame de Pintura da Mutualidade Xeral Xudicial.T