A parroquia de Nemenzo estrea novo campo da festa

Vista da nova área de lecer
Os veciños de Nemenzo contan xa cun novo campo para celebrar as festas patronais de Santa Cristina, o 27 e 28 deste mes de setembro e que tamén poderán utilizar como espazo de lecer. O alcalde compostelán, Ángel Currás, inaugurou o novo recinto, acompañado doutros integrantes da Corporación e dos membros da Asociación de Veciños. O acondicionamento do campo da festa era unha demanda prioritaria da asociación veciñal de Nemenzo. Así o apuntou o alcalde, quen lembrou que esta era a única parroquia compostelá que non contaba cun espazo deste tipo. Agora, os veciños contan cun espazo para as festas, pero tamén para outras actividades de lecer e de convivencia veciñal.
Para a realización desta obra, o Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL) cedeu de balde a parcela situada a carón da Igrexa. O investimento foi de 120.000 euros, dos que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rexional (AGADER) achegou o 84%.
A intervención consistiu no acondicionamento da devandita parcela. Unha parte pavimentouse con formigón e outra con xabre.
Finalmente, o alcalde recordou que hai outra intervención en marcha nesta parroquia, na igrexa de Santa Cristina, onde se está restaurando o retablo. Esta obra -dixo- permitiu descubrir “unhas pinturas moi interesantes ata agora ocultas”.











