publicidade hoxe

A orquestra Cinema e Los Suaves serán os protagonistas da Festa da Fraga nas Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesCalendarioLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Cultura e a Comisión de Festas do Carme e a Fraga 2013, retomará este domingo día 22 a Festa da Fraga que, o pasado 25 de xullo, foi aprazada como sinal de loito e respecto ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois.

Así, este domingo a Festa da Fraga recuperará a súa esencia inicial xa que veciños e veciñas, xunto con todos aqueles visitantes doutros concellos que se queiran sumar a esta festa, poderán achegarse coa súa merenda ata a Fraga de Dona Rita e desfrutar dunha xornada campestre á vella usanza, tal e como se facía nos inicios desta celebración en 1904, é que precisamente dende a Comisión de Festas, daban a coñecer a súa interese por lograr facer da Fraga a festa que era antano, con merendas de amigos e familias, á marxe da actual imaxe que presenta agora esta celebración.

De feito, dende a organización veñen de anunciar que non estarán permitidas as cabanas, sí os toldos como precaución ante a chuvia, malia que as prediccións meteorolóxicas apuntan a unha xornada de sol para o domingo. Asemade, tampouco estará premitido acampar ao outro lado do río ou realizar merendas nestas parcelas privadas.

No tocante ao programa do domingo, éste contará coa mesma estructura do que se ideara para o pasado 25 de xullo. De feito, ata a orquestra contratada nun principio será a que actúe na Fraga, tanto na sesión vermú coma na verbena nocturna. Así, ás 14.00 horas terá lugar a mítica sesión vermú coa orquestra Cinema que xa en 2012 se encargaba de amenizar esta festa.

Pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar o concerto da mítica banda de rock Los Suaves, concerto gratuíto e que virá seguido da verbena nocturna, ás 22.00 horas, que novamente contará coa música da formación Cinema.

É preciso lembrar que xa na noite do pasado 24 de xullo, a Comisión de Festas xunto con todas as formacións musicais que ían actuar na Fraga o día 25 acordaron aprazar as súas actuacións como sinal de loito pero sempre poñendo enriba da mesa a opción de celebrar esta festa noutra data. Así, atendendo  á axenda do grupo Los Suaves, a Comisión de Festas escollía o vindeiro domingo 22 como data para a realización desta segunda Festa da Fraga de 2013.

Por outra banda, dende a Comisión de Festas tamén apuntaban que era necesario o celebrar esta cita para compensar aos chiringuitos e atraccións que, no seu día, pagaron por montar na Fraga e que, finalmente, tan só sacaron rendemento dun único día de festa.

Finalmente, dende a Comisión de Festas animaron a veciños e tamén visitantes a preparar a súa merenda e pasar o vindeiro domingo en As Pontes, na Fraga de Dona Rita, desfrutando dunha auténtica romaría tradicional ao máis puro estilo do século pasado.

18 de setembro de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.