A ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar de Ferrol entra en vigor
O Concello de Ferrol conta dende hoxe coa aprobación definitiva da ordenanza que regula como público o servizo de axuda no fogar (en adiante SAF) no termo municipal. Así o ratifica hoxe a publicación da normativa no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP).
O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local consistente en ofrecer un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, dende unha perspectiva integral, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual. Os obxectivos deste novo servizo son a mellora da calidade de vidas das persoas usuarias posibilitando a permanencia no seu entorno habitual de convivencia; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio fogar; retardar ou evitar a institucionalización; atender situacións puntuais de crise persoal ou familiar que afecten á autonomía; e proporcionar períodos de descanso ao coidador ou coidadora habitual.
Os usuarios do servizo de axuda no fogar recibirán no seu domicilio atencións de carácter persoal para actividades básicas da vida cotiá ou doméstico e da vivenda para mellorar o seu contorno. Ademais, os servizos sociais realizarán acompañamentos persoais para actividades básica da vida diaria como trámites urxente ou visitas médicas.











