A oficina de turismo mosense permanecerá aberta seis meses máis

A rexedora na oficina de turismo
A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, informou esta mañá de que a Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, concedeulle ó Concello de Mos seis meses máis de apertura ó público da oficina de turismo sita nas Angustias, Sanguiñeda, que estará asistida por unha bolseira de Turismo. Esta bolseira xa leva traballando na oficina de turismo de Mos dende fai seis meses gracias ó Plan de Prácticas Laborais da Deputación de Pontevedra.
Trátase dunha bolseira diplomada en Turismo que traballa para a concellería de Cultura mosense atendendo ós usuarios da oficina de turismo municipal. Esta traballadora ten un contrato laboral de seis meses de duración prorrogable a outros seis meses máis, que xa se decidiu que sexa ampliado polo que traballará finalmente un período total dun ano na oficina de Mos.
A informadora turística da oficina do Concello de Mos ofrece a tódolos visitantes da mesma que así o solicitan, tanto veciños coma foráneos, datos sobre o municipio relativos a lugares de interese cultural, medioambiental, festas ou localización de lugares concretos polos que lle pregunten os usuarios. Son numerosos os peregrinos que pasan por Mos facendo a ruta do Camiño de Santiago Portugués os que frecuenten a oficina de turismo mosense.
Ademais de informar sobre o Concello a bolseira facilita tamén a quen llo solicite, datos de interese turístico sobre o resto da provincia de Pontevedra. Con casetas turísticas coma a das Angustias impleméntase o valor do sector turístico na provincia en xeral e do municipio en cuestión, en particular, de ahí a importancia da realización de tarefas de información en oficinas de turismo.
Cifras de visitantes
Durante os seis primeiros meses de actividade da oficina de turismo mosense deste ano xa pasaron pola mesma un total de 1.602 visitantes dos cales 840 foron mulleres e 762 homes. Por idades a maioría deles, un 51%, tiñan entre 35 e 60 anos e por procedencia foron maioritariamente españois non galegos: en concreto un total de 978 persoas que representan unha porcentaxe do 61%.
Entre os motivos que trouxeron a Mos a estes máis de 1.500 visitantes foron: a realización do Camiño de Santiago o 93,32% das persoas, exactamente 1.495; a cultura local 25 persoas, a natureza 24 persoas, visita a familiares e/ou amigos 8 persoas, motivos relixiosos 4 persoas, pola gastronomía 3 persoas, por eventos sociais unha persoa e por outros motivos 42 persoas.
Os visitantes da oficina de turismo mosense son madrugadores, xa que a maioría acode (585 persoas que representan o 37% do total) na franxa horaria de 09.00 horas a 11.00 horas da mañá; sendo a última hora do día, de 18.00 horas a 21.00 horas, o momento que menos visitantes acoden (55 persoas que representan o 3% do total).
Os visitantes españois que pasaron pola oficina de turismo de Mos foron principalmente da Comunidade Valenciana, Andalucía e Madrid. Respecto ós estranxeiros, os maioritarios foron de Portugal, Alemaña e Estados Unidos. Entre os galegos predominaron os habitantes da provincia de Pontevedra, sendo os máis numerosos os do sur.
Acudiron tamén veciños de Mos e de localidades veciñas a pedir información sobre rutas de sendeirismo e información sobre o Camiño de Santiago para comezalo días despois.











