A nova tempada do Jofre incluirá as actuacións do grupo Auryn, o actor Javier Gutiérrez e o humorista Berto Romero, entre outros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, xunto co concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García Hurtado, presentou esta mañá a nova tempada de espectáculos escénicos que terán lugar no Teatro Jofre no terceiro cuatrimestre deste ano. O Concello conta cunha programación cultural que o edil de Cultura describiu como “a mellor do norte de Galicia”.

O rexedor municipal destacou a nova actividade de monólogos, os espectáculo dirixidos ao público infantil, os grandes concertos e a zarzuela “que responden a innovar constantemente na programación cultural para que abarque a todos os públicos”. Así, o primeiro edil agradeceu o traballo do departamento que dirixe Manuel Reyes García Hurtado “para que a cultura teña un espazo destacado en Ferrol”.

Así as cousas, entre os espectáculos que acollerá o coliseo ferrolá os vindeiros meses, García Hurtado destacou a representación de obras de teatro como “El Traje”, con Javier Gutiérrez; “Tres”, unha obra ao redor de tres mulleres que soñan con ser nais; ou “Esta noche no estoy para nadie”, de Gisela e Kiti Mánver. Os ciclos “Son(s) do Jofre” traerán á cidade naval a artistas como Christina Rosenvinge, o grupo Marlango, a boy band Auryn ou a banda barcelonesa Delafé y las flores azules que son outras das propostas desta nova tempada xunto coa programación infantil das obras “Campanilla, el musical”, “Nuncabunga” ou “O refugallo”, obra gañadora do Premio Manuel María de literatura dramática infantil no ano 2011.

Monólogos e zarzuela

Así mesmo, o edil de Cultura destacou a nova incorporación ao programa da actividade de monólogos que traerá á cidade naval humoristas como Goyo Jiménez, Berto Romero ou Leo Harlem. Esta novidade para a última temporada do ano 2013 responde a unha demanda da actividade por parte da cidadanía. Por último, os amantes do xénero lírico poderán gozar dun fin de semana no mes de decembro dedicado unicamente á zarzuela.

 

5 de setembro de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.