A modificación da lei de estabilidade orzamentaria permitiría financiar investimentos co remanente de tesourería
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, solicitou formalmente e por escrito ao Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas e ás Federacións Española e Galega de Municipios e Provincias (FEMP e FEGAMP) información actualizada sobre o estado de tramitación do Anteproyecto de Ley Orgánica de control de la deuda comercial del sector público –cuxo contido foi trasladado aos concellos pola FEMP no pasado mes de xullo-, que modificaría a aplicación ás entidades locais do artigo 32 da Ley Orgánica de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera.
Na práctica, a aprobación do citado Anteproxecto de Lei establecería unha serie de condicionantes que permitirían aos concellos saneados, como é o da Laracha, a utilización do remanente líquido de tesourería que deixou a liquidación do exercicio económico 2012 como medio para o financiamento de investimentos en lugar da obrigatoriedade de destinar ese recurso a diminuír a débeda.
No caso concreto do Concello da Laracha, dito remanente ascende a 960.742,84 euros que o goberno municipal desexa destinar a acometer actuacións de investimento real en infraestruturas consideradas de interese xeral para os veciños do municipio.
No escrito remitido ao Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas, á FEMP e á FEGAMP recórdase que a utilización efectiva do remanente require dunha laboriosa tramitación administrativa municipal ao implicar un expediente de modificación orzamentaria.
Por último, solicítase que se axilicen tanto a tramitación do Anteproxecto de Lei como o traslado da información ao Concello da Laracha sobre o estado actual da mesma dado que as decisións de xestión orzamentaria municipais están, neste momento, completamente condicionadas pola previsión de prazos que sobre esta cuestión poidan manexarse polos organismos competentes.











