A limpeza da canalización en Rosalía de Castro demórase pola presenza de raíces na rede de pluviais
Os operarios municipais que comezaron onte a limpeza dos tragantes da rede de recollida de augas deron cunha das causas principais das bolsas de auga que se crean na zona cando chove, que se debe a que a canalización atopábase invadida por raíces das árbores procedentes do Parque da Compostela e dos Xardíns de Artime. Esta circunstancia obturaba o conduto e impedía o drenaxe das augas que se acumulaban na calzada.
A detección das raíces complicou as labores de limpeza máis do previsto xa que retiralas do conduto sen causar maiores estragos, leva o seu tempo. Os operarios de Obras limparon onte os tragantes dos tramo comprendido entre o semáforo anterior ao acceso ao posto de socorrismo da Praia e a entrada aos Xardíns de Artime. As bocas dos tragantes e as arquetas contiñan area, follas e papeis, pero o seu baleirado fíxose rápido en comparación coa tubería invadida polas raíces. Debido a isto, os traballos deberán continuar mañá pola mañá, xornada na que se espera completar a actuación.
Estes traballos realízanse con carácter preventivo xusto antes do inicio da temporada de choivas e co obxectivo de minorar os riscos de inundacións nas rúas e vías principais de circulación. Este tramo da avenida Rosalía de Castro é especialmente problemático cando se rexistran precipitacións intensas, xa que se acumula auga creando importantes bolsas na calzada que ocasionan dificultade aos vehículos ao circular e moitas molestias aos peóns que camiñan pola beirarrúa que se ven salpicados e mollados polos coches.











