A Laracha presenta o programa de actividades para a tempada de inverno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha presenta o programa de actividades culturais, deportivas e de aproveitamento do tempo libre que desenvolverá, como cada curso, desde finais de outubro e ata que remate o mes de maio.

Este programa organízase coa experiencia de edicións anteriores e desde a proximidade cos participantes, o que permite coñecer as disciplinas de maior éxito e reforzalas para este ano, así como apostar por novos cursos que se considera serán ben acollidos polos laracheses.

As principais novidades do programa serán a oferta de actividades de bailes latinos e zumba que se realizarán por primeira vez. Ademais, recupéranse os cursos de arte floral –que se van levar a cabo en catro parroquias- e tamén os cursillos de iniciación e perfeccionamento de pádel aproveitando a existencia das pistas municipais.

Mención especial merece a ximnasia de mantemento, proposta deportiva que rexistra unha alta participación, especialmente entre persoas maiores, aínda que a inscrición está aberta a todos os públicos. Este ano, igual que no anterior, ofértase a actividade nas trece parroquias do municipio. Dispoñer de centros socioculturais na totalidade das freguesías permite descentralizar a oferta e promover a participación dos residentes no rural.

Salientar, tamén, as diferentes modalidades de cursos de informática: poden participar persoas sen ningún concepto previo sobre ordenadores (iniciación), os que presentan un manexo moi básico (iniciación a internet), aqueles que desexan aumentar os seus coñecementos dos programas do paquete Office (curso avanzado) e tamén haberá un curso de Photoshop.

Nesta edición do programa outra das novidades será a ampliación da oferta de cursos que se desenvolverán en horario de mañá co propósito de chegar a unha maior cantidade de público, especialmente de persoas con cargas familiares ou xornada laboral polas tardes. Así, en horario matinal haberá cursos de aquagym, informática e aeróbic (nos dous últimos casos, tamén se organizarán quendas pola tarde).

A oferta de cursos e actividades complétase, para os adultos, con manualidades e pintura ao óleo, encaixe de palillos, restauración e tapizaría, patchwork, cociña, obradoiro de bisutería, francés, alfabetización e memoria, danza do ventre, body combat, ioga, pilates, e tiro con arco.

Os nenos poderán anotarse en informática, manualidades e pintura ao óleo, teatro, baile moderno, xadrez, zumbea, pádel, tiro con arco, patinaxe e baloncesto. Dependendo do número total de participantes, na maioría dos casos realizaranse grupos de idade para facilitar o desenvolvemento de cada actividade.

Durante os próximos días o Concello da Laracha desenvolverá unha campaña de información, promoción e divulgación deste programa de actividades, centrándose especialmente nos centros educativos e en diferentes instalacións municipais. A inscrición abrirase o luns 7 de outubro, debendo formalizarse no Concello. É requisito imprescindible estar empadroados no termo municipal.

Os programas de actividades de inverno e de verán –ademais do de Nadal, Entroido e San Isidro- que cada ano organiza o Concello da Laracha son un dos eixos da política social, deportiva e cultural desenvolvida polo equipo de goberno municipal, sendo o perfecto complemento ao esforzo que se realiza en materia de mantemento e creación de novas infraestruturas e tamén no apoio organizativo e económico que se presta aos clubs e asociacións ao longo de todo o ano.

28 de setembro de 2013 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.