A Laracha presenta ao GAC un proxecto para dar continuidade a Mar de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha presentará ao Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 – Costa da Morte un proxecto dirixido a relacionar os recursos turísticos do interior do municipio cos costeiros, dando continuidade e ampliando o ámbito de actuación do programa Mar de Caión que se puxo en marcha hai agora dous anos. Este foi o principal acordo da Xunta de Goberno Local ordinaria celebrada hoxe.

A actuación proxectada ten sempre moi presente os recursos mariñeiros, pero non limitará o seu ámbito xeográfico a Caión, senón que tratará de poñer en valor outros puntos de interese do Concello da Laracha que están moi relacionados coa vila costeira que marca o inicio da Costa da Morte. Exemplo é a feira de Paiosaco, na que, durante décadas, se salgaba e comerciaba co peixe.

Un dos aspectos esenciais do proxecto centrarase en mellorar a sinalización das estradas que dirixen a Caión e ampliar a información que neles se ofrece tanto a condutores como a peóns. Así, realizaríanse estas actuacións nos cascos urbanos da Laracha e de Paiosaco por ser a principal entrada á comarca de Bergantiños desde a cidade da Coruña, así como nas vías que levan a Caión desde as parroquias de Coiro, Soandres e Montemaior.

Os métodos máis axeitados para acadar ese obxectivo serían a colocación de sinais indicativas da ruta a seguir para chegar a Caión e de paneis informativos sobre as principais instalacións turísticas (por exemplo, o museo do Arquivo da Pesca), así como da biodiversidade de especies animais que existe na vila litoral. Tamén se propón a creación de miradoiros panorámicos en puntos estratéxicos da localidade costeira.

O proxecto inclúe un amplo apartado referido ao uso das novas tecnoloxías para reforzar a promoción turística. Entre as iniciativas están a actualización da web www.mardecaion.com, a presenza nas diferentes redes sociais e, entre outros, o ofrecemento de información ao visitantes vía móbil a través de códigos QR e sistemas iBecken e NFC.

Ao tratarse dunha ampliación do proxecto Mar de Caión, a dinamización da economía e o impulso da iniciativa privada favorecendo a apertura de novas posibilidades de mercado (relacionadas, por exemplo, cos deportes náuticos, hostalería e atención ao público) sempre estarán moi presentes.

Polas súas características, a vila de Caión é o punto de interese turístico máis importante do Concello da Laracha. A través dos proxectos presentados ao GAC 3 Costa da Morte, ademais de varias iniciativas de tipo privado, creouse recentemente o museo do Arquivo da Pesca, foi desenvolvido o proxecto Mar de Caión e en próximas datas será ampliado o paseo marítimo en 800 metros, desde o aparcamento da praia en dirección Carballo e por baixo da pista do Saldoiro.

Non obstante, o Concello da Laracha tamén quere resaltar a importancia e interese turístico de moitos puntos do interior do municipio, que en moitos casos están relacionados, dun ou doutro xeito, coa actividade mariñeira. O obxectivo é poñer en valor todos os recursos para crear sinerxias entre as diferentes zonas do municipio que sexan un reclamo para os visitantes e axuden a dinamizar a economía.

30 de setembro de 2013 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.