A Laracha mellora a sinalización vertical nos cascos urbanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha está a desenvolver un novo proxecto dirixido a mellorar a sinalización vertical nos cascos urbanos, actuacións que xa comezaron a realizarse na capital municipal.

O proxecto persegue reforzar a información que se ofrece a condutores e peóns sobre a dirección que deben tomar para achegarse a determinadas instalacións públicas (por exemplo, escola infantil ou centro de día e fogar residencial para a terceira idade) e a lugares de especial interese turístico (como os museos, existindo no Concello da Laracha o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte na casa reitoral de Golmar e o museo do Arquivo da Pesca no baixo da Confraría de Pescadores de Caión).

Esta actuación vén a completar o extenso proxecto de sinalización desenvolvido recentemente polo Concello da Laracha en todo o termo municipal, por medio do cal se substituíran indicadores e foran instalados novos en puntos que así o requirían. A fase inicial de dito proxecto consistira na realización dun amplo estudo de toponimia.

Cabe lembrar que o Concello da Laracha tamén mellorou durante o pasado verán a sinalización horizontal en vías dos núcleos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como no Igrexario de Cabovilaño, co obxecto de aumentar a seguridade repintando os pasos para peóns, as marcas viarias e áreas de aparcamento público.

Entre ambas actuacións, a que se está acometendo neste momentos para mellorar a sinalización vertical e a realizada durante o verán referida á horizontal, o Concello da Laracha investiu 50.000 euros.

27 de setembro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.