A Laracha destinará 55.000 euros a bolsas de estudos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha volverá a realizar un importante esforzo, con fondos propios, coa finalidade de conceder axudas económicas ás familias do noso municipio para atender os gastos derivados do inicio do curso escolar en aspectos como a adquisición do material escolar e didáctico complementario, vestiario ou calquera outro desembolso directamente relacionado directamente coa actividade educativa que comezará nos próximos días co inicio do novo curso escolar.

Nos próximos días serán publicadas no Diario Oficial da Provincia (BOP) as bases da convocatoria das bolsas de estudos municipais. A continuación abrirase o prazo para que as persoas interesadas en beneficiarse da mesma poidan presentar as súas solicitudes no propio Concello. Poderán participar no procedemento a totalidade dos estudantes empadroados no municipio, desde os alumnos de educación infantil ata os universitarios.

Dita convocatoria está dotada nesta ocasión coa cifra récord de 55.000 euros, o que supón un incremento de 5.000 euros con respecto ao ano pasado –por tanto, do dez por cento-, o que permitirá dotar cunha maior contía económica ás axudas. En concreto, a cifra das bolsas de estudos municipais do Concello da Laracha para alumnos de educación infantil será de 100 euros cada unha, 75 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 150 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 250 euros para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior e 300 euros para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.

O goberno local realiza cada ano esta importante esforzo económico para facilitar o proceso de formación como un elemento fundamental para o desenvolvemento persoal dos seus veciños. De feito, desde que comezou a crise económica o Concello da Laracha apostou por incrementar cada ano esta partida, aumentándose en preto dun cincuenta por cento desde o ano 2008 (no que se destinaron 37.000 euros) ata a cantidade que se alcanza neste curso.

Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menos recursos.

7 de setembro de 2013 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.