A Lanzada acollerá un Campionato de Surf no que 125 surfistas junior loitarán polo título europeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioDeportesDeportes PortadaLocalLocal PortadaO GrovePontevedraProvincias
A-
A+

A praia da Lanzada acollerá do 19 ó 22 de setembro o Campionato Junior de surf nas categorías feminina e masculina.  É o primeiro dos froitos da colaboración entre a Deputación e os clubs de surf da provincia, co obxectivo de situar a Pontevedra como un referente para o turismo de surf. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán, acompañado da deputada Begoña Estévez; o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez; e o director da organización do Campionato, Marcos Rodríguez.

O evento, que forma parte do Circuíto do Mundo Junior da ASP, (Asociación de Surfistas Profesionais), é o campionato Junior máis importante de Europa esta tempada 2013 e nel proclamarse o campión de Europa Junior que asistirá á final mundial que terá lugar no Brasil. Ten unha duración establecida de 4 días, aínda que se as condicións meteorolóxicas e da ondas o permiten, poderá disputarse en dúas xornadas.

Participantes

Reunirá na Lanzada as melloras promesas do surf a nivel internacional, con 125 surfistas menores de 21 anos chegados de todos os puntos da xeografía  para participar nel.  O resultado do campionato determinará os catro participantes na categoría masculina e as dúas na categoría feminina que se despracen en novembro ó Campionato de Brasil.

Nesta liña, agárdase a presenza dos mellores surfistas noveles de  todo o mundo, desde España ata Australia pasando por Gran Bretaña, Portugal, Francia, Illa Reunión, ou Israel. Entre os participantes na categoría masculina Vasco Ribeiro, de Portugal, o surfista de Red Bull de 19 anos subcampión do Mundo no Campionato do Mundo Júnior ISA 2011; Luke Dillon, de Gran Bretaña, Mihimana Braye, de Tahití ou Roberto D’Amico, de Italia competirán contra os mellores nacionais coma Imanol Yeregui, Ethan Eguiguren, campión e subcampión respectivamente do Garnier Junior Series ou Natxo González.

Tamén aprticiparán os galegos, Ignacio Guisasola, de Pontevedra, o local da Lanzada, Diego Álvarez Erika Franco e Yolanda Rodríguez Aneiros, de Ferrolterra, entre outros moitos que desafiarán o océano ó máis alto nivel.

En canto ás inscricións, a Deputación e a organización crearon un fondo para os primeiros 20 surfistas galegos que se inscriban a través da Federación Galega de Surf, que soamente terán que aboar o 50% do prezo de inscrición.

Afluencia no Salnés

Ademais o organismo provincial programou paralelamente actividades para gozar deste deporte, que se poden consultar na páxina web. Para participar nelas é necesario inscribirse previamente de xeito gratuíto. Doutra banda, as escolas de surf Tartaruga, Prado e Mission programaron cursos de surf de balde previa inscrición con motivo do campionato; e o Grupo Nove deleitará con pinchos a prezo de un euro ós que se acheguen ata o Grove, que actualmente está a celebrar o 50 aniversario da súa Festa do Marisco.

A maiores, agárdase unha grande afluencia de persoas, dado que se trata dun campionato de alto nivel que atraerá a numerosos afeccionados e seguidores do surf. Durante catro días unhas 300 persoas aloxaranse en establecementos da zona, dado que ós máis de 125 participantes hai que sumar os seus adestradores e os familiares cos que viaxan (todos os participantes teñen menos de 21 anos).

A través de iniciativas coma esta a Deputación de Pontevedra aposta polo deporte e bríndalle todo o seu apoio ás promesas máis novas. E que mellor oportunidade que facelo a través da realización dun campionato deste nivel tanto en categoría feminina coma masculina nas Rías Baixas, na praia da Lanzada.

Unha aposta polo surf como deporte e unha primeira pedra coa que lanzar proxectos coma este en toda a provincia como recurso para potenciar o turismo activo.

Rafael Louzán convidou a todos os surfistas novos a participar neste gran campionato, “como deportistas ou como espectadores, unha participación que é a que conforma o Espírito Rías Baixas”, como ben quedou demostrado co éxito de eventos deportivos como a Volta Ciclista España 2013.

11 de setembro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.