A institución provincial achega 10.500 euros para o salón sectorial Termatalia

Sinatura do convenio
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente de Expourense, Alejandro Rubín, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións, segundo o cal a Deputación achega 10.500 € para a construción dun espazo balneario no recinto feiral e para realizar unha campaña de “Termalismo Social” que promova e fomente a riqueza termal da provincia de Ourense.
No acto, que contou asemade coa presenza do deputado provincial de Termalismo, Argimiro Marnotes, o presidente da Deputación destacou que no termalismo “é o momento de pasar das palabras aos feitos” e anunciou que, tralo acordo acadado co presidente da Xunta de Galicia, “o ente provincial está a traballar no plan estratéxico de termalismo para a provincia de Ourense, que será presentado a comezos de 2014”. “As conclusións do plan permitirán –engadiu Baltar- levar a cabo accións coordinadas entre administracións co obxectivo de que a provincia de Ourense sexa o referente termal nacional que todos desexamos”. Entre estas accións, Baltar destacou o relanzamento do Instituto Termal de Galicia, ubicado no Carballiño.
No acordo asinado hoxe entre a Deputación e Expourense, a institución provincial patrocinará o balneario de Termatalia, que terá unhas dimensións de 550 metros cadrados e recreará as instalacións dun centro termal, para que os visitantes profesionais, o público en xeral e os medios de comunicación poidan visitalo. Esta estrutura inclúe unha piscina termal, unha área de relax, cabinas de tratamentos (baño celta, bañeira vichy, chorro hidrotermal, sauna, pediluvio, maniluvio e jacuzzi), zona de masaxe e zona de exposicións e presentacións.
Ademais, a Deputación promoverá a campaña de “Termalismo Social” a través dunha pantalla instalada no recinto feiral e colaborará, a través do Inorde, no libro de Termatalia 2013. Asemade, facilitará a organización dunha rota termal pola provincia de Ourense, en concreto pola Ribeira Sacra, para axentes de viaxes e touroperadores.
Termatalia, segundo destacou Alejandro Rubín, contará este ano con representantes de 30 países e converterase unha vez máis nun centro de negocios e foro do coñecemento para o turismo termal de saúde e ocio.











