A inspección de terrazas continuará tras marcar 6 establecementos na primeira saída

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Tal como se anuncio a pasada fin de semana, o Concello inicio esta mañá a labor de inspección das terrazas dos establecementos hostaleiros do municipio a efectos de garantir o cumprimento da normativa municipal que regula a ocupación do solo público por parte deste tipo de actividade mercantil. Nesta primeira xornada, marcáronse as terrazas de seis bares da zona da Baldosa, traballos que continuarán mañá.

Un inspector da Oficina Técnica do Concello, un axente da Policía Local e un operario desprazáronse esta mañá a zona da Baldosa para continuar cos traballos de medición das terrazas iniciada hai uns días coa marcación das instalacións dos dous establecementos hostaleiros lindantes cun edificio cuxos inquilinos presentaron ao Concello varias queixas pola invasión do corredor de acceso ao seu portal. A labor inspectora continuará mañá dende primeira hora.

Invaden máis solo público do permitido

As inspeccións pretenden que os hostaleiros limiten a instalación de mesas e cadeiras aos metros para os que dispoñen de permiso en base ao proxecto que eles mesmos presentaron no seu día ao Concello e que este lles aprobou. Non se trata polo tanto de reducirlle a superficie das terrazas, si non de que poñan fin á invasión de máis solo público do que lles corresponde e de que cumpran os criterios de accesibilidade previstos na Ordenanza de Terrazas. Tamén se efectuarán controis de cumprimento das normativas de horarios e ruídos.

O Concello adopta esta medida de control despois das moitas queixas recibidas por parte de peóns e veciños protestando por non poder transitar por moitas rúas debido ao estar invadidas por mesas e cadeiras das terrazas dalgúns establecementos hostaleiros. O goberno local entende que se pode ser flexible para facilitar que os hostaleiros poidan recuperarse da crise, pero despois dos abusos cometidos por algúns deles e que motivaron numerosas queixas, é preciso poñer orde e garantir que os cidadáns poidan circular polas rúas.

O Concello convocará en breve a Comisión de Seguimento composta por representantes técnicos e políticos do Concello e de Ahituvi. Nela avaliarase a situación en xeral e estudaranse as queixas e expedientes concretos.

23 de setembro de 2013 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.