A “II carreira nocturna Corre por Ferrol” celebrarase o 14 de setembro polo centro da cidade
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a “II Carreira Nocturna Corre por Ferrol”, que terá lugar o vindeiro 14 de setembro polas principais rúas da cidade. Este evento organizado polo Club Castro de Lobadiz conta coa colaboración do Concello de Ferrol, a Autoridade Portuaria e empresas privadas. No acto de presentación participaron tamén Diego Ezquerro, técnico do Club Castro de Lobadiz.
A “II Carreira Nocturna Corre por Ferrol” conta este ano con algunhas novidades, sendo a máis destacada a homenaxe ao atleta ferrolán Manuel García Pereira, coñecido como Lolete. O atleta ferrolán, tamén vinculado á actividade cultural da cidade a través da banda de gaitas Agarimo, faleceu en 2005 tras concluír a súa participación nunha carreira de 3.000 metros do Campionato Galego de Veteranos celebrada no estadio naronés de Río do Pozo. Este evento deportivo desenvolverase a partir das 21:30 horas na categoría absoluta e a saída e meta establecerase na Praza de Armas. Os participantes percorrerán un total de 8 quilómetros polo centro da cidade ata chegar aos xardíns de La Ranita, no peirao de Curuxeiras, desde onde se realizará o percorrido de volta.
Outra das novidades da segunda edición, serán as carreiras para categorías menores, que son as seguintes: benxamín e alevín nun circuíto de 500 metros pola rúa Real que comezará ás 20:45 horas; e infantil e cadete no mesmo percorrido, pero con varias voltas que completarán 2.000 metros, a partir das 21:00 horas. Para participar neste evento deportivo, as persoas interesadas deberán realizar unha inscrición a través da páxina web www.championchipnorte.com ou na tenda Novalux Óptica. O prezo de inscrición é de 5 euros e o prazo para anotarse rematará o vindeiro 12 de setembro ás 00:00 horas.
A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, agradeceu aos organizadores o traballo desenvolvido “nunha proba que de seguro que será un éxito de público e de participación xa que se agarda que o número de inscritos supere os 700 do ano pasado”. Pola súa banda, o técnico do Club Castro de Lobadiz, agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol “que sempre nos axudan con todos os seus medios e que gracias a eles, Ferrol é un referente autonómico en carreiras populares”.











