A I edición da Carreira da Muller que percorrerá 5 quilómetros da Coruña rexistra unha alta participación

Presentación da I Carreira da Muller
O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, anunciou esta mañá que a I Edición da Carreira da Muller, que se celebrará o próximo domingo 22 de setembro ás 10.00 horas, será un éxito de participación xa que esta mesma mañá se pechou a inscrición ao cubrir a cota de 3.000 participantes: “Para a cidade é unha honra formar parte do circuíto da Carreira da Muller Central Lechera Asturiana DKV, porque supón a proba definitiva de que A Coruña se consolida como un referente nacional para a celebración deste tipo de eventos deportivos,” sinalou. Na presentación estiveron Rodrigo Gavela, responsable da organización a cargo de Motorpress Ibérica; Carlos López, Mónica Dotras e David Iglesias, representantes de DKV, a Asociación Española Contra o Cancro e o Club Rialto, respectivamente.
Mourelo destacou que esta proba se suma á aposta que dende a Concellaría de Deportes se está a realizar polo fomento da práctica deportiva e a difusión de hábitos de vida saudable entre os cidadáns, non só a través dos diferentes programas deportivos, senón, especialmente, co impulso de probas como Coruña 42, Coruña 21, Coruña 10 ou o circuíto Coruña Corre. “Coa celebración desta proba dedicada ás mulleres pretendemos, por unha parte fomentar a incorporación da muller ao mundo do running e, desta forma, incrementar o número de participantes femininas nas probas da cidade, e por outra, sensibilizar a poboación fronte ao cancro de mama, xa que a organización doará 50.000 euros á Asociación Española Contra o Cancro”, explicou e engadiu que aínda que nos últimos anos as carreiras da cidade rexistraron un ascenso en canto a participación feminina, o obxectivo é seguir subindo esta porcentaxe: “Aínda que Coruña 10 triplicou o número de mulleres participantes dende a súa primeira edición á última, representan un 13% do total, unha cifra similar á alcanzada nas carreiras do circuíto Coruña Corre e que queremos superar”.
Para lograr que máis mulleres se animen a participar neste tipo de probas, a Carreira da Muller xunta a práctica deportiva cunha xornada lúdica na que, tras a carreira se realizarán outras actividades como un miniconcerto na praza de Mina ás 10.40 horas e un festival de aeróbic ás 11.10 horas: “En definitiva, deseñouse un evento aberto a todas: dende as profesionais, ás afeccionadas ou aos que están a dar os seus primeiros pasos no running,” subliñou. Ademais, avanzou que a segunda edición de Coruña Corre incorporará importantes novidades co obxectivo de dar máis facilidades ás mulleres para que se inscriban no circuíto.
O circuíto, de 5 quilómetros, realizarase nun tempo máximo de 1 hora 15 minutos e sairá dende o Cantón Pequeno cara a Sánchez Bregua, Liñares Rivas, Primo de Rivera, avenida do Exército ata Rolda de Outeiro para regresar polas mesmas vías cara a Porta Real, avenida de La Marina e Cantón Pequeno, onde concluirá.
Para a carreira establecéronse un total de 11 categorías individuais que van dende os 12 anos ata máis de 75 e 15 categorías de equipos que van dende ‘3 irmás’ a ximnasios e clubs de atletismo, pasando por centros escolares ou ‘sogra e nora’, entre outras. Resultarán premiadas as tres primeiras de cada categoría. En total, outorgaranse 111 premios.











