A galega Aroa Freije acada o décimo posto no campionato de Europa Youth de Péntatlon moderno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Aroa Freije rematou na décima posición no Campionato de Europa Youth de Péntatlon Moderno, que se está a celebrar estes días en Caldas da Raínha (Portugal). A galega foi a primeira clasificada das deportistas da súa idade, xa que moitas das participantes teñen ata dous anos máis que Aroa, polo que o resultado é excepcional. Pola súa parte, a tamén galega Lúa Vidal foi a 39.

Aroa comezou a competición na esgrima onde competiu a un bo nivel, logrando rematar na posición 21, pero a remontada chegou nas outras probas. Na natación foi a mellor das participantes o que lle permitiu escalar moitas posicións e rematou cunha magnífica combinada na que confirmou a décima posición. Das sete deportistas que están por diante de Freire, cinco delas teñen dous anos máis ca galega. Hai que recordar que a categoría Youth comprende o último ano de cadete e o primeiro de xúnior, mentres que Aroa está no seu primeiro ano de cadete.

Ademais, sinalar que Ariadna Mora rematou na posición 37, mentres que Lúa Vidal foi 39ª. Actuación discreta das outras dúas participantes do equipo español.

Categoría masculina. Frouxa actuación a de Rául Blanco no Europeo Youth de Péntatlon Moderno, que se está a celebrar en Caldas da Raínha (moi preto de Lisboa, Portugal). O galego finalizou a súa actuación na 38ª posición, despois de facer unha boa natación, pero moi discreto na esgrima e na proba combinada. Os outros dous membros do equipo español quedaron en mellores posicións pero moi lonxe dos primeiros postos: Joan Gispert foi vixésimo, mentres que Luis Shivell foi trixésimo.

O campión de Europa Youth foi o ruso Danila Glavatskikh, mentres que segundo foi Gianluca Micozzi (Italia) e terceiro Aleksander Lifanov (Rusia). Para os Xogos da Xuventude se clasifican os dous primeiros e o cuarto (Sorna Tomaschof – Hungría), porque non pode haber dous clasificados da mesma nacionalidade.

Selección española. A selección está formada por Lluis Shivell, Joan Gispert, Ariadna Mora e os galegos Aroa Freije (bronce no Europeo cadete), Lúa Vidal e Raul Blanco. O equipo preparou este torneo durante máis de dúas semanas en Lugo xunto ao Pedro Pérez, responsable da selección catalá, e Ruth Ballesteros, adestradora da Federación Galega. Ademais contaron coa colaboración do mestre de esgrima Endre Kovacks (Bondi); o seleccionador nacional sénior Manolo Montesinos e o actual campión de España sénior, o galego Cristóbal Rodríguez Fidalgo. Mañá celebrarase a proba de equipos mixtos.

21 de setembro de 2013 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.