A Fundación oferta escolas de psicomotricidade, multideporte e deporte base para o novo curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Fundación Municipal de Deportes organiza os preparativos para a posta en marcha das actividades deportivas para escolares que se impartirán dende outubro ata xuño. O organismo que preside Elena Suárez, volve a ofertar a Escola de Psicomotricidade para os máis pequenos, e as de Multideporte e Deporte base para os nenos e nenas de idades máis avanzadas. O prazo de inscrición ábrese mañá, mércores 18 de setembro.

A Escola de Psicomotricidade ten como destinatarios aos escolares nados entre os anos 2008 e 2009, ambos incluídos. Ao tratarse de nenos moi pequenos, as sesións consisten principalmente en traballar os aspectos de equilibrio, coordinación de movementos ou referencias espaciais a través de diferentes xogos. Os escolares nados entre os anos 2005 e 2007 poderán participar na escola de Multideporte, nas que ao longo do ano tomarán o seu primeiro contacto con diversas modalidades deportivas a efectos de que as vaian coñecendo e poidan posteriormente decantarse polas que máis lles gusten.

Finalmente, a Fundación organiza as Escolas de Deporte Base, para nenos nados entre os anos 1998 e 2004. Nelas os escolares xa poderán elixir en unha ou máis actividades entre as 14 modalidades deportivas que se ofertan e que son as de tenis, fútbol, patinaxe, actividades rítmicas con soporte musical, baloncesto, artes marciais, xadrez ,balonmán, tenis de mesa, voleibol, remo, bádminton, rugby e béisbol.

Os formularios de inscrición pódense obter nas oficinas da Fundación de Deportes, sita no Concello, ou imprimir a través do taboleiro de anuncios da web www.vilagarcia.es. A Fundación tamén remitirá a información aos centros educativos para que a distribúan entre o alumnado.
Os formularios cubertos e coa documentación que neles se indica debe entregarse nas dependencias da Fundación en horario de 09:00 a 14:00 horas dende o 18 de setembro ao 9 de outubro.

Gratuidade e bonificacións

A cota de inscrición é de 12 euros ao ano en calquera das tres escolas. Os nenos con carné da Fundación non terán que pagar nada e ademais establécese a gratuidade para nenos cuxas familias teñan ingresos inferiores ao importe do IPREM correspondente ao ano en curso, e unha bonificación do 25% para familias numerosas.

As actividades comezarán a impartirse a segunda quincena de outubro.

17 de setembro de 2013 | 10:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.