A festividade do Carme en Sober encherá as rúas de música durante catro xornadas lúdico-festivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalSober
A-
A+

O Concello de Sober colabora, xunto co Goberno galego e a Axencia das Industrias Culturais (AGADIC), na organización das Festas do Carme que encherán de música a localidade durante catro días, desde o venres día 13 ata o luns 16.

O programa festivo iniciouse o domingo día 1 coa procesión dende a Igrexa de San Martiño coa imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa Nova de Sober. O percorrido estivo amenizado polo Grupo de Música Tradicional.

Venres día 13

O venres día 13 retómase a celebración coa actuación na verbena, a partir das 23:00 horas da Orquestra Oceanía na Praza do Concello.

Sábado día 14

O sábado día 14 haberá misa na Igrexa Nova ás 12:30 horas e sesión vermú coa Orquestra D’Momento a partir das 13:30. Ás 20:30 actuará a Agrupación Folklórica O Fiadeiro de Vigo na Praza do Toural, dentro do programa Danza 3 da Consellería de Cultura e Educación.

No seu encontro co público este colectivo exhibe a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se busca implicar aos espectadores asistentes, de xeito que cada un destes espectáculos é único, espontáneo e persoal.

A partir das 21:30 horas haberá baile e verbena na Praza do Concello coas Orquestras D’Momento e Delirio. O día festivo remata ás 24:00 horas cunha sesión de fogos de lucería.

Domingo día 15

O domingo día 15 a festa comeza ás 11:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Sober. Ás 12:30 horas haberá procesión acompañada pola Banda e misa solemne e ás 13:30 horas iníciase a sesión vermú coa Banda de Música de Sober. Xa pola noite, a partir das 21:30 horas haberá baile e verbena na Praza do Concello co Trío Atrévete e a Orquestra Espectáculo Delicia.

Luns día 16

As festas do Carme rematan o luns día 16 no que haberá misa na Igrexa Nova ás 12:30 horas. O broche final chegará cunha paellada xigante e gratuíta na Praza do Concello a partir das 20:30 horas elaborada polo mestre cociñeiro José Arias. Seguidamente haberá baile co Trío Atrévete.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, invita a todos os veciños e veciñas e a todos os que se atopen preto ou de visita na localidade a que participen na celebración.

 

12 de setembro de 2013 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.