A Feira Franca contará cun dispositivo especial de limpeza de máis de 90 operarios
A cidade sumérxese nestes días no medievo como se pode ver nas rúas que están decoradas para acoller o venres e sábado a xa tradicional Feira Franca. Pontevedra dará a benvida a miles de persoas que nas dúas xornadas gozarán das múltiples actividades e da festa medieval máis populosa de Galiza.
Como vén sendo habitual, a Concellaría de Servizos, que xestiona Carme da Silva, tamén responsábel de Festas, elaborou un dispositivo especial de limpeza para a Feira Franca xunto coa empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Cespa, durante as xornadas do sábado e do domingo. En total serán 91 persoas que durante as dúas xornadas participarán en labores de limpeza na rúa. O dispositivo comezará o sábado, 7 de setembro, con dous turnos de traballo. O da mañá comezará, ás 06.00 horas, e contará con 18 traballadores (un xefe de servizos, un xefe de taller, dous encargados, seis operarios de limpeza a pé, e operarios para traballar cunha sopladora, dúas varredoiras, lavabeirarrúas, dous camións de recollida de lixo, e unha cisterna).
No turno da tarde, que comezará ás 14.00 horas, disporá de 17 traballadores con distinta maquinaria e, especial atención terá o vaciado de papeleiras e colectores ao que se destinarán 8 operarios.
O domingo será a xornada na que se empregarán máis efectivos para deixar a cidade en perfectas condicións. O ámbito do operativo de limpeza estará dividido en catro zonas: Campiño de Santa María, praza do Teucro, praza da Ferraría e Alameda.
Dende as 06.00 horas, participarán nel 61 operarios e distintos medios mecánicos da empresa concesionaria Cespa distribuídos da seguinte maneira:
• Xefe de servizos
• Xefe de taller
• 2 encargados
• 28 operarios de limpeza a pé
• 4 furgóns sopladoras
• 8 varredoiras
• 4 lavabeirarrúas
• 4 camións de recollida
• 4 camións cisterna
Cabe lembrar que este operativo especial compleméntase co habitual servizo de limpeza e recollida no resto da cidade durante o resto do día, o que deixa patente o esforzo extra que ten que facer a Concellaría e a concesionaria para manter en condicións de salubridade o ámbito urbano de Pontevedra. Por iso solicita a colaboración e a comprensión de todos os cidadáns.











