A Escola de Atletismo Fontes do Sar inicia a tempada de adestramentos

Alumnos correndo no estadio San Lázaro
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, visitou no Estadio de San Lázaro a Escola de Atletismo do Club Fontes do Sar. Os integrantes da Escola retomaron os adestramentos neste mes de setembro co inicio da nova temporada. O edil quixo así amosar o seu apoio a unha Escola de Atletismo que inicia a súa segunda temporada, con cada vez máis nenos e nenas inscritos. Este ano, por primeira vez, habilítanse os mesmos horarios tanto para nenos como para pais, atendendo así unha suxestión destes e facilitando unha mellor conciliación de horarios.
A Escola, que imparte todas as disciplinas atléticas, ten as súas clases os martes e os xoves en horario de 18:00 a 19:00 e de 19:00 a 20:00 horas.
É intención municipal que esta Escola axude a promover o interese pola práctica do atletismo entre os máis novos e, ao mesmo tempo, axude a recuperar a actividade atlética no Estadio de Atletismo. Cómpre lembrar que entre os proxectos do Concello está o de recuperar a pista e homologala.











