A Domus acolle o 4º Encontro Rede Enerxía Sostible
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio que dirixe Enrique Salvador, informa da celebración, mañá xoves 26 de setembro, do 4º Encontro Rede Enerxía Sostible que, baixo o lema “Cara unha economía verde”, se realizará dende as 10.00 horas na Domus.
Durante catro horas os asistentes poderán coñecer un total de 9 experiencias no marco da enerxía sostible, novas iniciativas municipais como a Oficina contra o Cambio Climático da Coruña e o proxecto CITINZEB, ademais de presenciar a conferencia Hacia unha economía verde a cargo do presidente da Fundación Renovables, Javier García Breva.
Por outra parte, no encontro formalizarase a adhesión de novos membros á Rede de Enerxía Sostible da Coruña, que se creou en 2008 e que na actualidade conta cun centenar de compoñentes, dende asociacións profesionais a agrupacións veciñais, pasando por empresas, entidades financeiras, sanitarias ou ecoloxistas. Entre os compromisos dos integrantes, destacan:
– Fomentar o uso racional da enerxía e a implantación de fontes de enerxía renovable na área de influencia.
– Colaborar no intercambio de información entre os membros da rede en relación co uso eficiente da enerxía, políticas de loita contra o cambio climático e na identificación dos hábitos de consumo da cidadanía.
– Difundir as boas prácticas no campo da eficiencia enerxética e das enerxías renovables para lograr un cambio de conduta dos cidadáns cara a hábitos máis sostibles.
– Contribuír á eliminación das barreiras tecnolóxicas e non tecnolóxicas que dificultan o acceso a novas formas de xestión eficiente da enerxía.
– Colaborar nos grupos e mesas de traballo creados.











