A Domus acolle a mostra “A outra cara da vida. Cultura funeraria, onte e hoxe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, informa de que a Domus inaugura mañá, venres 6 de setembro, a exposición temporal A outra cara da vida. Cultura funeraria, onte e hoxe. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 27 de outubro.

A outra cara da vida, organizada polo Grupo Mémora, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Valencia, inclúe máis dun centenar de pezas arqueolóxicas funerarias orixinais utilizadas ao longo da historia, na súa maioría, na Península Ibérica. O seu principal obxectivo é fomentar un espírito crítico e reflexivo sobre a visión da morte como outra cara da vida e dar a coñecer como as culturas do Mediterráneo entenderon os ritos funerarios e os enxovais que elaboraron e utilizaron para este fin.

Con esta exposición quérese achegar a todos os públicos a cultura funeraria e crear un espazo que invite á reflexión sobre a outra cara da vida, a morte. A mostra, a través de diferentes ámbitos funerarios, analiza de xeito pedagóxico e lúdico, á vez que crítica e reflexiva, o concepto da morte.

Ámbito 1 – A Prehistoria

Os primeiros rituais funerarios aparecen ao longo do Paleolítico Superior e convértense nunha característica fundamental en todas as sociedades humanas. En este ámbito, o visitante introdúcese nun mundo prehistórico e nos primeiros rituais funerarios: dunha cova natural ás cámaras sepulcrais dos dolmens; obxectos persoais, xoias, ferramentas e cerámica permitirannos explicar a cultura e as tradicións destas sociedades prehistóricas.

Ámbito 2 – Historia Antiga

Coa aparición das primeiras civilizacións e dos estados introducíronse novos rituais funerarios influenciados polas novas relixións e as novas crenzas no alén, a aparición das urnas ou o proceso de momificación. Aparecen as primeiras obras literarias e manuais sobre os rituais funerarios.

O libro dos mortos, texto funerario composto por un conxunto de fórmulas máxicas, axuda a entender e estudar a sociedade do mundo clásico exipcio.

Ámbito 3 – O Mundo Clásico

Grecia e Roma caracterízanse pola práctica, durante a súa historia, de dous rituais funerarios: a inhumación e a incineración. O culto aos mortos consolídase. Era deber da familia manter as tumbas e celebrar os rituais anuais en honor dos defuntos, para que os seus espíritos non perseguisen os vivos como espectros. Cada aniversario era necesario visitar a tumba, realizar libacións e ofrendas de alimentos en vasos perforados para que puidesen chegar ao defunto que, mesmo enterrado, seguía necesitándoos para renovar a súa forza

Ámbito 4 – Península Ibérica

Os iberos, os celtiberos ou a cultura islámica son pobos que pasaron e deixaron rastro dentro da cultura funeraria na Península Ibérica: xoias, armas e arte funeraria caracterizan estas culturas. O visitante poderá descubrir a orixe dos rituais actuais do mundo islámico influenciados polo Corán.

Ámbito 5 – A actualidade

A práctica funeraria actual é especialmente sensible ao pluralismo relixioso e de crenzas. As posibilidades dos rituais hoxe en día son amplas. Este ámbito quere ser unha guía que permita ao visitante coñecer as prácticas funerarias e as crenzas que hoxe en día están presentes na sociedade e, ao mesmo tempo, ofrece ferramentas e recursos para coñecer esta diversidade.

Espazo interactivo

Pequenos e maiores finalizan a visita á mostra nun espazo interactivo onde, a través de diferentes paneis polivalentes e asociativos, poderán ampliar e aprender diferentes aspectos relacionados co mundo funerario e chegar ás súas propias conclusións.

Espazo de Reflexión

O mundo da morte invita a reflexión e a meditación; por iso, creouse un espazo onde os visitantes que o desexen poidan consultar información e bibliografía relacionada cos diferentes aspectos tratados na exposición e outros como acompañamento e superación do duelo. Bibliografías para nenos, novos, pais, educadores, profesionais dedicadas ao mundo sanitario e a outros ámbitos transforman este espazo nun lugar idóneo para compartir e enriquecerse a nivel persoal.

Talleres para os centros educativos e tecnoloxía QR

A Domus e Grupo Mémora invitan os centros educativos a participar nos talleres Hacemos de arqueólogos e El Rastro que deixamos. Os talleres propoñen poñerse na pel dun arqueólogo e seguir todas as pistas que levan a un achado arqueolóxico; desvelar os segredos das pezas da exposición permitirá entender o pasado e construír o presente. Realizaranse de forma gratuíta, logo de reserva, a semana do 21 ao 25 de outubro, a partir da visita guiada do historiador e comisario da exposición, Josep Marés.

A mostra incorpora tecnoloxía QR que permite ampliar a información e participar nun xogo de pistas en torno a exposición. Esta aplicación, que permite aos visitantes ter unha nova canle de información, tamén forma parte dun xogo que permite coñecer a orixe e a evolución dos rituais funerarios. Así, os códigos QR encóntranse situados en seis puntos da mostra e permiten, a través do teléfono móbil ou tablet, descargar información que proporciona as pistas para completar a frase da raíña de Exipto. Entre todos os participantes que acertasen e completado de forma satisfactoria o xogo de pistas durante a súa estanza na Domus da Coruña sortearase un xogo de libros, unha memoria de 4 G e unha reprodución dunha das pezas da colección de Arte e Cultura Funeraria Mémora, o velón paleocristián (séculos II-IV d.C).

5 de setembro de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.