A Deputación da Coruña doa un vehículo adaptado a AFACO para o traslado dos seus usuarios
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, entregou un vehículo adaptado para o uso da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO)
As chaves do transporte recolleunas a presidenta da entidade, María del Carmen Martínez Pulleiro. Ambos os dous estiveron acompañados pola deputada de Servizos Sociais, Zaira Rodríguez, e a xunta directiva do centro.
A institución provincial destinou para esta adquisición un total de 68.849 euros. Este vehículo ten capacidade para 19 persoas e conta cunha porta lateral corrediza. O vehículo facilitará os servizos de transporte adaptado ás persoas con diversidade funcional da comarca na que desenvolve a súa actividade AFACO.
En total, esta asociación realiza unha media de 50 traslados diarios desde os domicilios das persoas con Alzheimer con destino a algún dos tres centros de AFACO: o centro de día, o centro terapéutico e o centro de estimulación para pacientes en fases pouco avanzadas.
A Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer, que conta con 1.400 socios, constituíuse o 7 de decembro de 1995, pertence a FAGAL Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e o seu obxectivo é mellorar a calidade de vida de todas estas persoas.
Martínez Pulleiro explicou que a colaboración da Deputación é “fundamental”, xa que “facilitará os servizos de transporte adaptado ás persoas con diversidade funcional na que desenvolvemos a nosa actividade”.
Pola súa banda, Diego Calvo asegurou sentirse “satisfeito” coa colaboración da Deputación con entidades que fan grandes traballos para os nosos veciños e para os colectivos máis vulnerables da nosa sociedade, e sen as cales desde a Deputación non poderíamos chegar a eles”.
Ademais, o presidente recalcou que “o realmente fundamental é que sigan existindo persoas coma vós con gañas de axudar aos seus achegados”.











