publicidade hoxe

A depuradora de Gandarío conta con todas as garantías ambientais e urxe a súa realización según Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresBergondoBetanzosLocalLocal Portada
A-
A+

O presidente de Augas de Galicia cuestiona que grupos que afirman defender o medio ambiente sirvan de altavoz a intereses privados fronte ao beneficio público. As medidas adoptadas por Augas de Galicia céntranse na construción de colectores xerais de saneamento e unha EDAR no lugar de Gandarío. Esta inversión ten como fin solucionar a carencia de infraestruturas de tratamento de augas residuais da conca vertente de Gandarío, cuxos vertidos se envían directamente á ría de Betanzos.

O director de Augas de Galicia destacou que a dotación destas infraestruturas permitirán o cumprimento da normativa europea en materia de depuración de augas residuais.

Na ría de Ares – Betanzos existen zonas clasificadas como C, nas que son precisas actuacións como esta co fin de mellorar a situación e a produtividade dos bancos marisqueiros.

 >>>>>>>>>>

O director de Augas de Galicia no Parlamento. Foto: Xoán Crespo

O director de Augas de Galicia no Parlamento. Foto: Xoán Crespo

O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, defendeu hoxe en comisión parlamentaria o proxecto hidráulico que o ente público, dependente da Consellería de Medio Ambiente, ten previsto desenvolver no concello de Bergondo, e que consiste na construción de colectores xerais de saneamento e dunha estación depuradora en Gandarío, co fin de solucionar a carencia de infraestruturas de tratamento de augas residuais da conca vertente do lugar.

Menéndez explicou que na actualidade os vertidos se envían directamente á ría de Betanzos sen depuración ningunha, o que pon en risco a actividade marisqueira e o baño na propia praia de Gandarío. Hoxe en día esta praia soporta dous importantes vertidos de augas residuais, e que se ven agravadas polo aumento da poboación na época estival.

Sen embargo, coa posta en servizo dunha EDAR e uns colectores asegúrase a recollida e tratamento das residuais da poboación, que serán tratadas na planta depuradora antes de verter ao mar. O director de Augas de Galicia tamén destacou que a dotación destas infraestruturas hidráulicas permitirán o cumprimento da normativa europea en materia de depuración de augas residuais.

Interese público

O presidente de Augas de Galicia denunciou a postura adoptada sobre esta cuestión por grupos políticos que por unha banda afirman defender o medio ambiente e os sectores produtivos das nosas rías e, ao mesmo tempo, convírtense en altavoces e defensores de intereses privados contrarios a proxectos como a depuradora de Gandarío, fronte ao interese público.

Destacou que esta infraestrutura e imprescindible para o cumprimento da normativa europea e materia de depuración de augas residuais, e lembrou que o proxecto conta con todos os informes técnicos favorables e coa correspondente tramitación ambiental. Tal e como xa trasladou en persoa aos veciños, comprometeuse a que a execución desta obra e a súa posterior explotación realizaranse co menor impacto, grazas á moderna tecnoloxía empregada.

Compre recordar que o pasado 30 de agosto o director do ente autonómico mantivo unha reunión con representantes dos veciños de Gandarío, para transmitirlles a urxencia e necesidade de executar os colectores xerais de saneamento e a estación depuradora de augas residuais en Gandarío, no marco do convenio asinado o 23 de xullo de 2012 pola Xunta de Galicia e o Concello de Bergondo.

Menéndez recordou que para a licitación da obra foi necesaria unha longa tramitación, que incluíu ata dúas informacións publicas do anteproxecto co obxecto de cumprir o establecido na normativa ambiental e sectorial de augas. Este documento incluía un estudo de alternativas que analizaba as distintas posibilidades, e que se decantaba claramente pola finalmente escollida.

Finalmente, o contrato de redacción de proxecto e execución das obras foi adxudicado o pasado 27 de xuño, e supón un investimento económico superior aos 3,8 millóns de euros.

Desenvolvemento do proxecto de saneamento

A solución proposta polo ente autonómico consta da construción dunha estación depuradora con tratamento biolóxico e con desinfección final por raios UV para uns 6.000 habitantes. A depuradora contará cunha liña de auga na cal se levarán a cabo procesos de pretratamento con desareamento e desinfección e outra liña de lodos na cal se executarán espesamento por gravidade e deshidratación por centrífuga. O proxecto inclúe unha rede de colectores de 4.340 metros de lonxitude en PVC e con diámetros de 315 e 400 mm. A rede tamén contará con 124 pozos de rexistro.

Esta mellora do saneamento tamén prevé a instalación de tres bombeos, en formigón armado, con bombas centrífugas somerxibles, aliviadoiro, cestón de grosos, control automatizado de sensores de nivel e boias de nivel de seguridade, e arqueta anexa para válvulas de retención e comporta. Cada bombeo contará con dúas bombas e unha impulsión, en total executaranse 531 metros de impulsión.

A día de hoxe, na ría de Ares – Betanzos existen zonas clasificadas como C, nas que son precisas actuacións como esta depuradora de Gandarío ou a posta en marcha –inminente- do sistema de saneamento dos concellos de Ares, Fene e Mugardos, para mellorar a situación e deste modo a produtividade dos bancos marisqueiros.

19 de setembro de 2013 | 23:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.