A delegada territorial da Xunta en Lugo reivindica para o deporte feminino que se obteña o mesmo recoñecemento que o masculino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, reivindicou para o deporte feminino “o mesmo recoñecemento social que ten o masculino en todas as disciplinas e a mesma consideración para os seus éxitos”.

A delegada fixo estas declaracións no marco da Gala Anual do Fútbol Sala Galego, celebrada no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta en Lugo, onde lembrou a xesta lograda polas xogadoras do Burela F.S. ao proclamarse este ano campioas de liga e de copa en primeira división. “Podo dicir con satisfacción que a provincia, e creo que en xeral todos os afeccionados galegos a este deporte, celebramos con enorme ledicia este éxito lucense no fútbol sala feminino”, afirmou.

Arias quixo aproveitar tamén para facer visibles “ás moitas mulleres, tanto federadas como afeccionadas, que deixan moi alto o pavillón practicando este deporte”.

En calquera caso, a delegada tivo palabras de recoñecemento para todos os clubs de fútbol sala da provincia, femininos e masculinos. “Suman nada menos que 450 –sinalou- e grazas a esta elevada cifra Lugo ten un peso específico nesta modalidade deportiva”.

A delegada aludiu ao crecente interese pola práctica do deporte porque, apuntou, “a sociedade entende cada vez mellor a importancia do exercicio físico para alcanzar unha vida saudable”. Ao respecto, asegurou que a Xunta de Galicia segue a realizar un labor de concienciación social entre todos os segmentos de poboación, comezando dende as idades máis temperás.

Así, informou de que máis de 8.500 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos participan no programa de deporte escolar Xogade, que desenvolve a Secretaría Xeral para o Deporte coa colaboración das federacións e agrupacións deportivas galegas. “Máis da terceira parte deles optan polo fútbol sala”, engadiu.

20 de setembro de 2013 | 22:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.