A Coruña proxecta a recuperación de 4.290 metros cadrados de espazos públicos entre Labañou e Os Rosales
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, continuará co seu plan de rehabilitación de espazos públicos da cidade coa humanización dunha superficie aproximada de 4.290 metros cadrados, situada xunto ás rúas do Piñeiro e Canteira, entre os barrios de Labañou e Os Rosales. O Goberno municipal aproveitará a execución destes traballos para recuperar o cruceiro existente na zona, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
O principal obxectivo desta nova actuación do departamento que dirixe Martín Fernández Prado, que contará cun presuposto de licitación de 241.982 euros, é ofrecer espazos públicos de calidade aos veciños dos barrios de Labañou e Os Rosales. Ademais de proxectar beirarrúas que melloren a mobilidade peonil, tamén se aproveitará para colocar 15 prazas de aparcadoiro en liña. En total, rehabilitaranse 4.290 metros cadrados, un espazo situado ao sur das rúas do Piñeiro e Canteira.
A Concellaría de Infraestruturas inclúe neste proxecto a limpeza e roza da capa vexetal, o que permitirá a realización de gabias para a construción dunha nova canalización de pluviais e abastecemento de auga -conectada coa rede xeral- e dunha nova rede de iluminación pública, así como a substitución e retranqueo da liña de baixa tensión aérea por outra subterránea.
O cruceiro de Labañou, elemento catalogado como Ben de Interese Cultural, permanecerá no seu lugar actual tras os traballos de recuperación, mantendo tamén o muro de cachotaría que lle fai de fondo, aínda que modificando o pavimento -colocarase cantería de granito-. O proxecto completarase coa creación dunha pradaría, a plantación de lagunarias, a limpeza do arboredo, a subministración e colocación do mobiliario e a reposición dos servizos afectados.











