A Coruña investirá 4 millóns de euros na renovación da rede de abastecemento da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Voceiro municipal, Julio Flores, informou esta mañá das actuacións que o Concello da Coruña, a través da Empresa Municipal Augas da Coruña S.A (EMALCSA), levará a cabo para “a completa renovación da rede de abastecemento da cidade” cun investimento total de 4,1 millóns de euros. Neste sentido, anunciou a licitación do servizo de conservación, reparación e mantemento das redes de auga e saneamento e a execución dun conxunto de obras na rede de distribución de auga potable. A duración dos contratos é de 4 anos, prorrogable a dous máis.

“Nestes momentos, dos 530 quilómetros de rede, temos, aproximadamente, o 80% da cidade coa canalización renovada. En dous anos, pasamos do 65 ao 80%. Con estes servizos e en 4 anos, lograremos practicamente o 100% “, destacou Julio Flores, quen indicou, ademais, que isto influirá na redución do índice de roturas nas canalizacións, situándose por debaixo do ratio óptimo establecido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio que é de 0,24 roturas/quilómetro e que, na Coruña, a día de hoxe, se sitúa no ratio de 0,18 roturas/quilómetro e que, con estas obras, pretendemos baixar 0,16 roturas/quilómetro”.

O Voceiro municipal sinalou que, como novidade, o servizo de conservación, reparación e mantemento da rede inclúe a esixencia de contar cun servizo de 24 horas os 7 días da semana para a reparación de posibles incidencias. Ademais, o tempo de resposta non deberá superar os 45 minutos.

Xullo Flores informou, ademais, da licitación dos servizos de vixilancia e control de accesos aos distintos centros; de limpeza e mantemento; e do mantemento global dos espazos verdes en diversas instalacións de Emalcsa. O investimento total ascende a 3,6 millóns de euros. Tal e como destacou o responsable municipal, con estes investimentos na rede principal, que ascenden a preto de 8 millóns de euros, garántese unha subministración de calidade e cantidade.

O responsable municipal avanzou que o seguinte paso é que en 2014 se leven a cabo actuacións no depósito de Alvedro, por un investimento de 4 millóns de euros, e a nova condución, cun importe superior a 3 millóns de euros, para levar a cabo os depósitos de cabeceira que dean servizo aos municipios de Cambre, Culleredo e Oleiros.

11 de setembro de 2013 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.