A Coruña inicia a campaña de impostos municipais o vindeiro luns
O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, informou esta mañá de que o próximo luns, 16 de setembro, se inicia o período voluntario de ingreso dos tributos locais de 2013. Os coruñeses e coruñesas, que demostran ano a ano, o seu compromiso coa cidade, poderán realizar os seus pagamentos ata o 5 de decembro, é dicir, case tres meses, cando o prazo en exercicios anteriores foi do 1 de outubro ao 30 de novembro.
O responsable municipal de Economía e Facenda sinala que, con esta iniciativa de ampliar o período voluntario, o obxectivo é “facilitar o pagamento de impostos” aos coruñeses que poderán elixir para efectuar os seus pagamentos, por primeira vez, entre os últimos catro meses do ano (setembro, outubro, novembro ou decembro), en función do seu interese. Esta nova medida supón dar máis facilidades aos cidadáns para pagar todos os tributos, xa que dispoñerán de practicamente
3 semanas máis de período voluntario que en anos anteriores.
Entre o 16 de setembro e o 5 de decembro, o Concello da Coruña abre o prazo para o pagamento da taxa de recollida de lixos (comercial e industrial), taxa de cemiterios, taxa por entrada de vehículos e reserva de espazo sobre a vía pública, taxa por ocupación de vía pública con aparatos distribuidores, imposto sobre bens inmobles (IB) urbano e rústico, e o imposto sobre actividades económicas. Todos os impostos municipais corresponden ao exercicio 2013 e suman un total de 210.147 recibos, cun ingreso previsto de 74,66 millóns de euros.
BONIFICACIÓNS
Neste período tamén se efectuará o segundo prazo do Pagamento con Vencemento Especial do IBI que permite obter unha bonificación do 2%, un novidoso sistema de pagamento que facilita o seu pagamento mediante domiciliación bancaria -as persoas interesadas en acollerse ao pagamento fraccionado do imposto de bens inmobles para o próximo ano xa poden presentar a súa solicitude ao longo de 2013 e ata o 28 de febreiro de 2014-.
Roberto Coira tamén recordou que o Goberno municipal introduciu bonificacións do 20% no imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (plusvalías) para aquelas transmisións efectuadas por causa de morte, sempre que a vivenda habitual do falecido sexa a favor dos descendentes e adoptados, cónxuxes e os ascendentes e adoptantes.
O actual equipo de goberno que encabeza Carlos Negreira conxelou os tributos para 2013, unha medida que está dentro do compromiso do Concello de axudar, na medida do posible, ás familias dada a complicada situación económica actual e que se manterá durante todo o mandato. O Concello establece diferentes modalidades de cobramento para facilitar aos veciños o pagamento dos seus impostos:
1. Os tributos poden aboarse na Concellaría de Facenda, na caixa municipal da rúa da Franxa, de luns a venres, entre as 08.00 e as 14.00 horas:
a. Metálico.
b. Cheque a nome do Concello da Coruña, conformado ou certificado pola entidade bancaria.
c. Multitarxeta débito ou crédito Visa / Mastercard.
2. Na páxina web municipal: www.coruna.es.
3. Nas 16 entidades bancarias colaboradores no seu horario de atención ao público: BBVA, Banco Caixa Geral, Banco Etcheverría, Banco Español de Crédito (Banesto), Banco Galego, Banco Pastor, Banco Popular Español, Banco Sabadell, Banco Santander, Barclays Bank, Novagalicia Banco, Catalunya Banc, Banco de Caixa España, Bankia, CaixaBank e Citibank.
O pagamento a través de entidades colaboradoras pode realizarse utilizando calquera das modalidades que teñan dispoñibles:
– Xanela.
– Caixeiros automáticos.
– Domiciliación bancaria.
– Pagamento telemático: enlaces existentes na web municipal (www.coruna.es) con pasarelas de pagamento (vía internet) das entidades financeiras adheridas:
– Con certificado dixital: Banco Santander, Banco Pastor, Banco Popular, BBVA, Bankia, Novagalicia Banco e Caixabank.
– Sen certificado dixital: Novagalicia Banco.











