A corporación municipal aproba a retirada da reserva de chan entre Saiáns e A Xunqueira
A corporación municipal aprobou por unanimidade a retirada da reserva de chan entre Saiáns e A Xunqueira recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Neste sentido, o rexedor municipal recorda que, aínda tendo o respaldo suficiente -xa que o edil Ignacio Vilas se mostrou a favor de manter a devandita reserva no documento de ordenación urbanística- para rexeitar a proposta do grupo socialista, e baixo o criterio anunciado a pasada semana, o grupo popular preferiu modificar a propostas do PSOE, co fin de alcanzar un acordo que beneficie ao municipio, ” e non pensando en cuestións máis políticas”, observou.
A proposta aprobada na sesión extraordinaria celebrada hoxe considera a retirada da devandita reserva de chan, así como o requirimento á empresa redactora de que elabore un novo plan para o chan afectado, que será incorporado ao documento que se levará a aprobación provisional.
“O proceso de aprobación do PXOM segue adiante con absoluta normalidade, e a proposta aprobada hoxe será incorporada ao documento, así como o resto de alegacións con base xurídica abondo que se están presentado neste proceso de exposición pública no que nos encontramos”, sinalou Valverde.
O rexedor municipal recordou aos veciños presentes no pleno que a súa achega a través das alegacións será fundamental, xa que estas permitirán mellorar un documento que a partir do próximo 3 de outubro -día no que finaliza a exposición pública deste- entra nunha fase importante.
Alberto Valverde desmentiu unha vez máis as acusacións da oposición, que asegura que a mencionada reserva de chan sería para a futura construción dun vial de alta capacidade, unha autovía ou unha autoestrada. “Nin eu nin o meu equipo de goberno defenderiamos a construción dun vial destas características, e que ademais, segundo apunta a oposición, afectase a ningunha vivenda”, asevera Valverde.
“As conversacións mantidas coa Xunta de Galicia nas últimas semanas sobre a viabilidade real de levar a cabo o proxecto do vial, así como o sentir dos veciños de Nigrán, son os únicos argumentos que motivaron a decisión adoptada polo goberno municipal de eliminar a reserva de chan do PXOM”, conclúe Valverde.











