A corporación de Ames gardou un minuto de silencio en repulsa polo falecemento da nena de 12 anos veciña de Santiago
A sesión plenaria correspondente ao mes de setembro, celebrada onte pola tarde na Casa do Concello de Ames, rematou cun minuto de silencio gardado por toda a Corporación municipal e polos asistentes ao pleno en repulsa polo falecemento en tráxicas circunstancias o pasado fin de semana da nena de 12 anos Asunta Basterra no veciño municipio de Teo.
Ao remate do pleno ordinario de setembro, o alcalde de Ames, Santiago Amor, trasladou aos concelleiros/as a proposta, achegada tamén pola concelleira Pilar Candocia, de gardar un minuto de silencio en lembranza da rapaza e en repulsa duns feitos que afectan tanto ao municipio de Teo, onde foi atopado o corpo sen vida, como ao de Santiago de Compostela, de onde era orixinaria e residía.











