publicidade hoxe

A Copa Galicia reuníu en Moaña a trescentos taekwondistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalMoaña
A-
A+

Case trescentos deportistas participaron o sábado 21 de setembro na Copa Galicia 2013, que se celebrou no pavillón municipal do Reibón (Moaña). Esta proba é clasificatoria para a Copa do Rei, polo que é especialmente importante para os participantes. A continuación tedes os resultados, tanto da categoría absoluta coma na xúnior, así coma do Torneo Veila de Moaña cadete, que tivo lugar pola mañá. Non houbo grandes sorpresas e case todos os favoritos lograron o triunfo ou estiveron loitando por el, aínda que debemos destacar os pasos adiante que están a realizar os taekwondistas máis novos.

Categoría absoluta. En -58 quilogramos masculino houbo unha final apaixonante, na que se enfrontaba un veterán como Miguel Cortegoso (Mace Sport) a un deportista aínda moi novo coma Pablo Carou (Natural Sport Riveira). Nesta oportunidade impúxose a xuventude, con triunfo de Carou. En -68, Raul Cancelas (Patiño Moaña) superou na final a Juan Fernández (Natural Sport), que partía coma o favorito para o triunfo. Tamén temos que destacar a vitoria de Fernando Rascado (Natural Sport) en -80 noutra final esperada e espectacular contra Raul Bouzas (Natural Sport), ou o triunfo de José Real (Natural Sport) no peso pesado.

Na categoría feminina, tamén houbo algunha sorpresa. En -49 quilogramos logrou a vitoria Beatriz Parada (Area) nunha final contra Leire Arbizu (Mace Sport). En -57, triunfo para Lucía Ferrari (Patiño) contra Erea Alonso (Area), mentres que en -67 gañou a gran favorita Katia Calvar (Mat´s) nunha final esperada contra Lara Ouviña (Natural Sport). No peso pesado, Sandra Senra (Taebek) logra o ouro fronte a Yleana Rodríguez (Area).

Na categoría xúnior utilízanse os pesos da Olimpiada da Xuventude (-44, -49, -55, -63, +63 quilogramos na categoría feminina e -48, -55, -63, -73 e +73 quilogramos na categoría masculina) e houbo tamén un gran nivel competitivo.

Así, en xúnior masculino hai que destacar os triunfos de Iván Wagner (Garrapucho) en -48; Miguel Cobas (Natural Sport) en -55; Andrés Freijeiro (Couto) -63; Óscar Penín (Kiap) en -73 e Pablo Fernández (Mat´s) en +73. Na categoría feminina os triunfos foron para Ruth Tilve (As Sport) en -44; Gemma Paz (Sares) en -49; Gaila Fernández (Sares) en -55; María Domínguez (Mace Sport) en -63 e Lucía Viéitez (Sares) en +63.

22 de setembro de 2013 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.