publicidade hoxe

A Copa Galicia reunirá en Moaña aos mellores taekwondistas sénior e xúnior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalMoaña
A-
A+

A Copa Galicia reunirá o sábado 21 en Moaña (Pavillón Municipal de Reibón) aos mellores taekwondistas galegos, nunha cita moi importante xa que é clasificatoria para a Copa do Rei. Ademais, pola mañá tamén terá lugar o Torneo Vila de Moaña cadete. En total, case 300 deportistas das categorías cadete, xúnior e sénior.

Pola mañá (a partir das 10 horas) celebrarase o torneo Vila de Moaña, coa participación de 120 deportistas da categoría cadete de toda Galicia.

E xa pola tarde, chegará o momento da Copa Galicia. Na categoría xúnior utilízanse os pesos da Olimpiada da Xuventude (-44, -49, -55, -63, +63 quilogramos na categoría feminina e -48, -55, -63, -73 e +73 quilogramos na categoría masculina) , mentres que nos sénior, os pesos son olímpicos (-49, -57, -67 e +67 feminino e -58, -68, -80 e +80 masculino), xa que eses son os pesos que se utilizan na Copa do Rei. Por iso, poderemos ver en acción ás e aos mellores taekwondistas galegos xa que está en xogo a participación nesta importantísima cita do calendario estatal, aínda non ten data oficial.

Así, na categoría xúnior hai que destacar a gran competición que se espera no peso de -63 quilogramos masculina, coa participación de 18 deportistas. Entre todos destacan Adrián Núñez, do Patiño de Moaña (campión de España 2012), ou David Ansede (Moo Duk Kwan), que logrou o bronce este ano no Campionato de España.

Outro peso moi interesante nesta categoría é o de -55 coa presenza de importantes homes como Adriám Jiménez (Natural Sport Ribeira) ou Miguel Cobas (Natural Sport Ribeira).

Na categoría xúnior feminina haberá un nivel espectacular. Destaca o peso de -49 pola competitividade que se espera con dez participantes e ademais con xente de moi bo nivel. Alba Caamaño, Marta Delgado, Gema Paz, todas elas medallistas de España en diferentes categorías (xúnior ou cadete), buscarán o triunfo.

Sénior. E pola tarde será o momento dos sénior e o espectáculo está asegurado en case todos os pesos. En -49 feminina parte como gran favorita Laura Lorenzo, que foi bronce no Campionato do Mundo Universitario o pasado ano, ademais de campioa de España Universitaria en 2013.

En -57, tamén se espera unha loita pechada sen unha favorita clara de inicio. Erea Alonso, Marta Colón, Ainara Brión (que ven de recuperarse dun accidente que a tivo parada durante uns meses) ou Lucía Ferrari teñen opción de lograr o ouro.

En -67 Katia Calvar (bronce no absoluto este ano e campioa no 2012) parte como gran favorita, aínda que Laura Centoira e Lara Ouviña (campioa de España Universitaria 2013), entre outras, tentarán logralo título. Ademais, no pesado Sara Baños e Sabela López, entre outras, prometen espectáculo. Quen no poderá estar na Copa Galicia é Lúa Piñeiro que está en México para disputar o Open Panamericano.

Na categoría masculina destaca o peso de -58 con homes cun curriculum tan espectacular como o campión de España universitario 2013 e prata no campionato de España sénior, Borja Ríos, do Hebe, Miguel Cortegoso (varias veces campión de España), Pablo Carou (campión de España sub 21) e Miguel Martínez (campión de España júnior 2012 e bronce no absoluto deste ano).

Ademais, en -68 tamén se espera unha loita moi rifada con Juan Fernández (actual subcampión de España), Francisco Padín (bronce no campionato de España absoluto) e Raul Cancelas (Patiño), que da o salto de categoría.

Tampouco quedará atrás o superlixeiro, con dous protagonistas principais, alomenos de inicio: Raul Bouzas (campión de Europa sub 21) e Fernando Rascado (bronce no Mundial Universitario e medallista habitual nos campionatos estatais). No peso pesado, Francisco Seira (Natural Sport) parece o favorito, aínda que terá que demostralo no tapiz.

19 de setembro de 2013 | 21:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.