A construción de 52 vivendas de promoción pública no barrio ourensán de Covadonga finalizará o vindeiro verán
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou que no verán de 2014 se rematarán as obras das 52 vivendas de promoción pública que se están a construír no barrio de Covadonga, no municipio de Ourense.
O conselleiro supervisou o inicio dos traballos que permitirán finalizar a construción de 52 vivendas de promoción pública no devandito barrio ourensán, que se atopaban paralizadas debido á rescisión das obras á anterior adxudicataria por reiterado incumprimento de contrato.
O investimento total no edificio de vivenda protexida ascende a 6,6 millóns de euros, dos que 3,5 millóns xa están executados. Quedan polo tanto 3,1 millóns de euros pendentes de execución para rematar as obras. Hernández lembrou o importante esforzo inversor que está a facer a Xunta de Galicia, co fin de facilitar o acceso á vivenda aos cidadáns.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo é o organismo encargado desenvolver esta actuación, cuxas obras de remate foron licitadas o pasado mes de maio e adxudicadas á empresa Proyecon Galicia, coa que se asinou o contrato esta mesma semana tras un proceso no que foi necesario analizar as ofertas de 36 empresas. Estímase que o prazo necesario para o remate incluído nas bases de licitación é de oito meses.
Na actualidade os edificios de vivendas teñen rematada a estrutura, os cerramentos exteriores e as carpinterías exteriores. No interior están pendentes de finalización os encontros dos tabiques coa carpintería, así como o chan e a carpintería interior. Están rematados os alicatados de baños e cociñas e parcialmente executadas as instalacións (eléctrica, fontanería, etc.). A porcentaxe de execución da obra é de aproximadamente do 67 por cento e o de urbanización do 12%.
A construción das 52 vivendas de promoción pública iniciouse en xuño de 2009, pero o contrato coa adxudicataria rescindiuse ante o retraso acumulado na execución da obra.
Hernández destacou o compromiso do Goberno galego coa construción e rehabilitación de vivendas de promoción pública, e destacou o convenio firmado esta mesma semana con entidades financeiras para activar o sector da vivenda, especialmente afectado pola situación económica actual. Os acordos coas entidades bancarias permitirán financiar 400 actuacións de rehabilitación e 450 pisos protexidos ao longo do vindeiro ano.











