A comunidade de montes da Guarda presentan o proxecto de rehabilitación do viveiro do Monte de Santa Tegra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocalLocal PortadaPontevedra
A-
A+
José Manuel Cores Tourís, coñeceu o proxecto de rehabilitación do antigo viveiro do Monte Tegra

José Manuel Cores Tourís, coñeceu o proxecto de rehabilitación do antigo viveiro do Monte Tegra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello da Guarda para coñecer o proxecto de rehabilitación do antigo viveiro do Monte Tegra que permitiría a súa reutilización para a cría de árbores e plantas para a reforestación deste entorno.

Nesta visita estivo acompañado do alcalde da localidade, José Manuel Domínguez, así como do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Duboi. Tamén acudiron ao encontro representantes das dúas comunidades de montes propietarias dos terreos, á da Guarda e a de Camposancos, así como o xefe de Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural e do Mar de Pontevedra, Enrique Chamorro.

As dúas comunidades de montes explicaron ao delegado territorial o obxectivo da rehabilitación deste viveiro que conta con máis de cen anos de antigüidade e 300 metros cadrados de extensión e que sería reformado para a súa nova posta en marcha. Deste xeito, trasladaron a Cores Tourís o seu obxectivo de solicitar que o Patronato do Monte Tegra estude a posibilidade de levar a cabo estas labores de recuperación do viveiro e así “poder volver a contar con árbores e plantas coas que reforestar este monte”, explicaron.

A reforestación levaríase a cabo nas sete bancadas cos que conta o monte, xa que na actualidade xa existe un depósito de auga que permitiría o regadío en toda esta zona así como no viveiro. Segundo apuntou, pola súa banda o delegado territorial, “non só estamos a falar dun proxecto interesante en canto á recuperación de especies e monte, nun entorno de grande interese turístico senón tamén en relación ao aproveitamento patrimonial desta antiga construción”. O Monte Tegra recibe anualmente máis de 200.000 visitantes.

Finalmente, o alcalde da localidade aproveitou a visita do delegado territorial para solicitar árbores para levar a cabo plantacións cos nenos da localidade no próximo Día da Árbore, así como a mellora do asfaltado e do espazo peonil da PO-352 que une Camposancos coa Guarda, en total, un 800 metros.

20 de setembro de 2013 | 00:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.