A “Compostaxe doméstica” contou coa participación de 49 concellos da provincia de Ourense
49 concellos da provincia de Ourense teñen participado no programa de “Compostaxe doméstica” promovido pola Deputación de Ourense e Sogama, no marco do convenio de colaboración formalizado entre ámbalas dúas institucións. Na presente edición preto de 250 composteiros foron entregados nos 9 concellos participantes: O Carballiño, Castrelo de Miño, Punxín, Rairiz de Veiga, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Viana do Bolo e A Bola.
Os 49 concellos adscritos a esta práctica delegaron xa no seu momento na institución provincial a recollida de residuos urbanos, e segundo os técnicos ponse de relevo os resultados positivos obtidos trala primeira visita de seguimento realizada durante os meses de xullo e agosto aos fogares participantes, concluíndo o elevado interese das familias nesta iniciativa.
Despois da xornada formativa e divulgativa levada a cabo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, mediante a cal se pretendía trasladar aos “mestres composteiros” (persoal encargado de formar á veciñanza nas prácticas de autocompostaxe) a información máis relevante do proxecto, preto de 250 composteiros xa foron entregados, realizándose visitas ao 78 % dos mesmos, ao tempo que se solicitaron datos de interese a través de entrevistas e enquisas efectuadas aos usuarios.
Entre os problemas detectados no proceso de compostaxe, cabería destacar, en casos moi puntuais, a existencia de malos cheiros debido, fundamentalmente, ao incorrecto proceso de aireación; o exceso de humidade, aconsellando o volteo para facilitar a aireación e diminuír o grado de compactación do compost; a presenza de insectos e outros invertebrados, debido fundamentalmente ao exceso de aporte de residuos procedentes de froitas, recomendando cubrilos cunha fina capa de material seco ou con céspede; e a dificultade, dada a época do ano, de atopar materia seca, polo que se trasladou a necesidade de almacenala triturada para dispoñer da mesma durante todo o ano.
Polo demais, a ubicación dos composteiros era a correcta, emprazándose estes case sempre na horta e en zonas sombrías e con poucas horas de sol directas.











