A Comisión de Investigación sobre o Centro de Coñecemento La Molinera xa está constituída

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense tivo lugar a xuntanza de constitución da Comisión de Investigación sobre o Centro de Coñecemento de La Molinera.

Dase así cumplimento ao acordo aprobado por unanimidade no Pleno do Concello do pasado día 7 de xuño, que instaba á “creación dunha comisión de investigación formada por todos os grupos políticos en aras de aclarar a xestión deste proxecto, así coma as certificacións xustificadas e unidades de obra pendentes de executar, entre outros aspectos relacionados coa posta en marcha do centro de Coñecemento la Molinera”.

A comisión está integrada polos representantes designados polos 4 grupos políticos municipais: Áurea Soto, representante designada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE, Aurelio Gómez Villar polo grupo do PP, Xosé Somoza polo BNG e Susana Gómez por DO, e un funcionario municipal, que actúa como secretario. O presidente da comisión é Aurelio Gómez Villar, do PP.

A comisión inicia así os seus traballos, que continuarán o xoves, nunha nova xuntanza, na que os membros da comisión revisarán a documentación relativa ás obras, acordos de adxudicación e rescisión do contrato, subvención recibida, entre outros, coa posibilidade de, en seguintes reunións, recabar a testemuña de persoas relacionadas coas obras, se o estima oportuno.

As obras de construción do Centro de Coñecemento foran adxudicadas por concurso a Construcciones Gamallo, por acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de novembro de 2011, por 1.098,506,20 euros, cun prazo de execución que remataba o 10 de novembro de 2012. A empresa ofertara unhas melloras valoradas en 121.365,65 euros. Posteriormente, a empresa sufriu dificultades económicas que lle impediron finalizar as obras, que abandonou antes de rematar, e entrou en concurso de acredores.

O Concello de Ourense aprobou no presente ano 2013 un novo proxecto, cun orzamento de 320.000 euros, que inclúe a totalidade das obras pendentes de executar, que son precisas para a entrada en funcionamento deste novo equipamento, no contorno do Ben de Interes Cultural das Burgas, chamado a achegar as novas tecnoloxías aos veciños da cidade.

Porá á disposición dos cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade. Construido co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet (“streaming”).

9 de setembro de 2013 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.